Sánchez certifica a súa estabilidade ata 2023 co aval dos orzamentos
Repite cos mesmos apoios cos que contou para os orzamentos do 2021
O Congreso dos Deputados aprobou o proxecto de presupostos para 2022. As contas saíron adiante por unha ampla maioría de 188 votos. Repítese a foto do ano pasado, co único cambio do BNG, que daquela votou non e este xoves abstívose.
A ministra de Facenda estaba exultante cos segundos presupostos da lexislatura. María Jesús Montero dixo que "aprobamos uns presupostos imprescindibles para a recuperación. Todo o mundo tense que alegrar agás a dereita deste país que está sempre instalada no canto peor, mellor".
O PP e Ciudadanos facían menos fincapé nos números que nos socios dos que elixiu rodearse o Goberno.
A Cuca Gamarra, voceira do PP no Congreso, preocúpalle "como se está utilizando calquera negociación parlamentaria para que o independentismo, Bildu e o nacionalismo estea cada día máis forte".
Edmundo Bal, voceiro de Ciudadanos no Congreso, lamentouse "porque sobre 47 millóns de españois os que mandan son Rufián e Otegi".
Os nacionalistas cataláns e vascos apuntalaron a maioría do Goberno, incluído un PNV que este ano tivo menos focos que Bildu. Aitor Esteban, voceiro do PNV, ironizaba que "moitas veces os flashes núbranlle a un a mirada".
Esquerra temperaba a euforia cun canto ao realismo. Gabriel Rufián dixo que "non estamos logrando conquistas. As esquerdas neste hemiciclo estamos simplemente freando retrocesos".
Os presupostos pasan agora ao Senado: se non se introducen cambios, quedarán definitivamente aprobados antes de que remate o ano.