O Compostela vence en Palencia (0-2) e xa é terceiro
O equipo santiagués sumou a quinta vitoria consecutiva
Mario Rodríguez anotou os dous goles
O Compostela de Fabiano entrou nese treito da temporada en que, coa confianza polas nubes, acumula triunfo tras triunfo. En Palencia acadou o quinto consecutivo, pero é que, ademais, leva catro partidos sen encaixar un gol. Con estes números, os santiagueses colocáronse de terceiros na clasificación.
En Palencia comezaron tendo as ocasións máis claras, mentres o equipo local non conseguía rematar con perigo. Xa ben preto do descanso, Mario Rodríguez abría o marcador, cun gol que non puideron captar as cámaras da Televisión de Castela e León, que nos pasou as imaxes deste resumo.
Na segunda metade os de Fabiano defenderon a renda, e o propio Mario Rodríguez ía marcar o segundo da súa conta persoal á saída dun córner do Palencia. Recuperou o balón, cruzou o campo a toda velocidade deixando atrás varios rivais, e definiu con clase diante do porteiro. O 0-2 aseguraba o quinto triunfo consecutivo dos santiagueses.