O Compostela precisa dunha carambola para manterse na 2ª RFEF
Perdeu 2-1 no campo do Ávila e está obrigado a gañarlle ao Valladolid Promesas e que perda o Escobedo na última xornada
O Compostela perdeu en Ávila (2-1) e precisa dunha carambola na última xornada para manterse na 2ª RFEF. Terá que gañarlle ao Valladolid Promesas no Vero Boquete e agardar polo triunfo do Llanera no campo do Escobedo. Só con esa combinación iría ao play out, o mal menor do cadro santiagués arestora.
A actuación de William de Camargo resultou decisiva. O ex xogador do Deportivo asistiu a Cassio no primeiro gol e marcou o segundo ao comezo da segunda parte. O Compostela non tivo capacidade de reacción malia que se xogaba a vida e precisaba puntuar no campo do Ávila. Marcou un gol no engadido, anotado por Fer Cano, pero de nada lle valeu.