Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Compostela derrota o Valladolid Promesas (2-0) e consolídase na terceira praza

O Compostela derrota o Valladolid Promesas (2-0) e consolídase na terceira praza

É a sexta vitoria consecutiva para os de Fabiano

Os goles asináronos Jordan e Mario, que leva catro xornadas marcando

G24.gal 11/12/2022 18:43

O Compostela presenta a súa candidatura a pelexar polo ascenso. Despois dun inicio irregular, o equipo de Fabiano está a coller ritmo e, neste treito da temporada, todo lle sae ben.

Contra o Valladolid Promesas, rival directo que chegaba a San Lázaro cos mesmos 24 puntos ca os santiagueses, o Compostela tivo que adaptarse, logo de que os pucelanos se fixesen coa posesión nos primeiros minutos. En calquera caso, máis aló dun remate de Slavy que despexou sen problemas Pato, non crearon ocasións claras.

Tardou algúns minutos o Compostela en facerse co control do partido, e este chegou pola banda esquerda, onde Damián foi medrando ata desnivelar o campo. Nesta primeira metade, unha acción de Mario con remate parado por Yary foi a máis clara dos locais.

Na segunda parte a decoración seguiu dun xeito similar ata o minuto 59. Unha ruleta espectacular de Damián habilitaba a Mario, que asistía a Jordan con calidade para que este marcara por riba do porteiro.

O Compostela atopouse entón cómodo e sentenciou o choque nun roubo no centro de Mario, que non o pensou e marcou todo un golazo pola escuadra. O seu quinto tanto en catro partidos.

Co dous a cero, o Compostela non tivo problemas para pechar o sexto triunfo consecutivo, que lle permite seguir o ritmo dos dous primeiros da categoría, o Arenteiro e o Guijuelo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar