O comité clínico pide reflexionar sobre o modelo de xestión da pandemia
Varias comunidades piden unha reflexión sobre a duración do illamento dos infectados
Cren que as altas taxas de vacinación e a menor gravidade actual da covid permitirán acurtar a 4 ou 5 días as corentenas nos próximos meses
Por unanimidade, o comité clínico galego apoia a petición que Galicia levará mañá á Comisión Nacional de Saúde Pública para acurtar o illamento dos positivos a 5 días (actualmente son 7 días), sempre e cando se faga co aval de expertos e con todas as garantías.
"Se estás vacinado e usas máscara, non vas contaxiar e, entón ¿por que tes que gardar illamento se estás asintomático?", pregúntase Sergio Vázquez, membro do Comité Clínico e xefe de oncoloxía do HULA.
Cun 95% da pobación vacinada a posición do comité clínico galego é apoiar a consideración de reducir o tempo de illamento dos positivos por covid. Sete días -pensan- poden resultar excesivos, especialmente para a maioría dos que están moi leves ou asintomáticos.
"Adoitan ter un par de días de febre ou malestar xeral, que van recuperando pouco a pouco. A inmensa maioría non ten practicamente nada. E as corentenas lévanas fatal e fánselles longas" explica Carlos Eirea, vicepresidente da Asociación Galega de Medicina Familiar a Comunitaria.
Desde os centros de saúde piden facer o cambio de modelo con seguridade e co aval de expertos. E no comité clínico cren que os esforzos do sistema público deben centrarse na atención da enfermidade grave.
"Por exemplo, patoloxías cardiovasculares ou oncolóxicas. O camiño vai ser facer cada vez menos accións sobre unha enfermidade - a covid- que cada vez se parece máis a unha gripe", engaden.
E ante a saturación da Primaria pídenlles ás autoridades unha reflexión profunda: se a maior parte da poboación está vacinada e vai ser difícil que teña unha complicación, pode ser o momento de ir a un menor diagnóstico e illamentos máis breves para centrarse na atención da patoloxía grave.