Feijóo anuncia medidas proporcionadas para limitar as interaccións sociais en fin de ano
O comité clínico decidirá esta mesma tarde esas medidas, ante o avance de contaxios
A Xunta busca reducir as interaccións sociais cara ás festas e encontros de fin de ano. As posibles restricións estudaranse esta mesma tarde nunha nova reunión do comité clínico.
O presidente da Xunta xa adiantou esta mañá que é o lóxico ante o incremento dos contaxios e a alta taxa de positividade.
"O lóxico para fin de ano é adoptar algunha estratexia de diminuír a interacción social para protexer a saúde e a economía"
Feijóo asegurou que serán medidas proporcionadas á situación actual, con case 2.500 novos contaxios na última xornada e unha taxa de positividade por riba do 13,5 %, e intentarán evitar a presión hospitalaria e as consecuencias económicas.
Alberto Núñez Feijóo defende que Galicia está aguantando esta sexta onda de xeito razoable a pesar de non haber restricións ata agora.
"Estamos cunha incidencia e positividade moi altas, pero a situación sanitaria está controlada. Agora ben, se podemos mellorar a situación ou diminuír a interacción social nos próximos días, miraremos como é posible facelo sen producir efectos moi nocivos no sector servizos e particularmente na hostalería", explicou o presidente da Xunta.