O Celta mantén cinco puntos co descenso con quince por xogar
Decepcionou en Vitoria e agarda recuperar a súa mellor versión en Balaídos contra o Vilarreal
A derrota en Vitoria é das que mancan por como se producen. En pleno esprinte final pola permanencia, e con máis de mil celtistas desprazados, aos xogadores tocoulles desculparse e achacalo a un mal día na oficina.
O Celta practicamente non creou perigo. Viuse superado en todo momento, os xogadores cometeron erros groseiros e a pesar de que alcanzaron o descanso con 0-0 acabaron goleados na festa do Centenario do Alavés. Con diferenza, o peor partido de Giraldez, que esta vez non deu coa tecla, pero promete volver polo rego.
O empate entre o Cádiz e o Mallorca reduce os danos aínda que acurta a distancia a cinco puntos, con 15 por xogarse.
O próximo domingo en Balaídos, Celta-Vilarreal. Giraldez dicía o venres, tranquilo, que quedaban seis balas. Agora son cinco, e o Celta debe resolver canto antes para evitar a ruleta rusa da permanencia.