O Celta estrea a pretemporada cun empate contra un Braga máis rodado (2-2)
Hugo González adiantou aos vigueses cun golazo, e Carlos Domínguez rescatou o empate no engadido
Aleix Febas e Javi Galán, as dúas únicas fichaxes do Celta, entraron no equipo titular que estreou os amigables de pretemporada. Un equipo moi recoñecible o do primeiro tempo, que avisou cun remate de Williot e que conseguiu adiantarse cun gol de Hugo González. O dianteiro que marcou dezaoito goles co Fortuna a campaña pasada é un dos que peta con forza para quedar no primeiro equipo. El e Burcio foron do máis destacado nesta proba inicial.
O Braga, moito máis rodado en termos de preparación, apenas inquedou a portería de Radu e só xerou perigo nos últimos minutos cun remate de Ricardo Horta e co gol á saída dun córner marcado polo defensa Vitor Carvalho.
Os dous tantos do equipo portugués chegaron do mesmo xeito porque no segundo tempo Jonatas Noro superou a Coke Carrillo despois doutro saque desde o recanto.
Claudio meteu un equipo completamente distinto na reanudación, con moitas pezas do Fortuna, pero que só atopou a presenza ofensiva coa entrada da lenda, Iago Aspas, e de Miguel Román, que volveu a xogar un partido despois de case cinco meses. Aspas e Román tiveron ocasións para marcar o gol do empate, un gol que non chegou ata o tempo engadido con outro remate á saída dun córner. Foi Carlos Domínguez o que atinou cunha cabezada para pechar un amigable de prestixio cun empate a dous.