O Celta estira o seu bo momento ante o Valencia (4-1)
Pepelu fallou un penalti aos sete minutos
Borja (2), Jones e Hugo Álvarez foron os goleadores do Celta
O partido foi de ida e volta, como adoitan ser en Balaídos
A temporada na que o Celta logrou a única clasificación para a Champions da súa historia, Miguel Ángel Lotina, daquela adestrador do Celta, deixou unha frase para a historia: "O que non queira sufrir, que se faga do Madrid". Pasaron algo máis de 20 anos, pero aquelas palabras teñen a mesma vixencia porque, non pasaran nin sete minutos do primeiro partido deste 2026 en Balaídos, e a afección xa aguantaba o alento e tiña as mans na cabeza. A razón un penalti a prol do Valencia. Un penalti que puido ser chave e fallou o Valencia (Pepelu).
A partires dese momento, o Celta espertou e foi arriba, apoiado sempre no bo traballo na medular de Miguel Román. As ocasións comezaron a chegar e, nunha delas, o colexiado indicou penalti. Penalti que transformou Borja Iglesias. Minuto 32. O Panda segue en estado de graza. A primeira parte acabou co Celta por diante e con esa sensación de "ir e vir", de que "todo pode pasar" tan habitual nos últimos meses en Vigo.
A segundo tempo comezou con intercambio de golpes. Pablo Durán avisaba para o Celta e Javi Guerra respondía para o Valencia. O guión do partido seguía a ser o mesmo. Con esa sensación de partido aberto. E aí foi cando o Celta tirou proveito, golpeou de novo con Borja Iglesias.
Daquela o Valencia pareceu acusar o golpe e a súa apurada situación na táboa. Mesmo Giráldez deu descanso a Borja nese momento. O encontro parecía no peto. Pero este Celta, tan frenético, tan imprevisible, non dá para estar tranquilo. E así, nun fallo atrás, chegou o gol de Pepelu (70'). E volta ao sufrimento. Un sufrimento que acabou nos minutos finais cos goles de Jones e Hugo Álvarez.
E así se escribiu este triunfo do Celta (4-1), un Celta que suma dez dos últimos 12 puntos e volve soñar con outra temporada que acabe en Europa.
Ao acabar o partido, escoitamos a Borja Iglesias, designado "mellor xogador do partido". O Panda amosouse encantado polo encontro, polas súas prestacións e deixou o desexo dun 2026, tan bo para o Celta, como o 2025.
Amais de Borja Iglesias tamén escoitamos a Claudio Giráldez. O adestrador insistiu en que o obxectivo segue a ser a permanencia, 42 puntos. Falou da competitividade deste Celta, da necesidade de non debilitarse neste mercado de Nadal e da situación acontecida ao final do partido, cando lles dixo aos seus xogadores que non atacasen. O partido estaba 4-1 e o Valencia tiña o porteiro mancado.