O Celta esquece a derrota en Vilarreal e céntrase na visita a Xetafe
O cadro celeste quere superar canto antes a barreira dos corenta puntos, e os dous próximos rivais, Xetafe e Valencia, están loitando por evitar o descenso
O Celta aspiraba a franquear a barreira dos 40 puntos en Vilarreal. Adoita ser un campo propicio pero xuntáronse factores en contra, sobre todo os dous goles marcados por Jackson nos primeiros dez minutos. O Celta, cun equipo retocado, sen Aspas nin Gabri nin Beltrán, encontrouse co marcador moi costa arriba e a idea preconcibida de que o árbitro os ía prexudicar.
Gonzalez Fuertes sinalou un penalti nos límites da área. Fallouno Parejo, e entón reaccionou o Celta co gol de Larsen. Xogaron arriba o noruegués e Seferovic. Rotacións antes de xogar este mércores en Xetafe.
O Celta ten un colchón de oito puntos e xoga a seguir contra dous equipos que foxen do descenso: o Xetafe e o Valencia.