O Celta encara o esprinte final do mercado acelerando para pechar a Tadeo Allende
O extremo arxentino ten a nacionalidade italiana e xa deixou de xogar para Godoy Cruz

O 1 de febreiro ás 23:59 horas remata o prazo para asinar xogadores de cara á segunda parte do campionato no fútbol español. Quedan pouco máis de 48 horas e todos os equipos buscan a peza que complete os cadros.
O Celta non é unha excepción e ten moi encamiñado o pase do extremo arxentino Tadeo Allende. O xogador xa deixou o Godoy Cruz, onde mesmo perdeu o seu dorsal número 11, e agarda completar o pase ao Celta nas vindeiras horas. O pasado mes de novembro xa tivera unha polémica viaxe a Italia, onde conseguiu a dobre nacionalidade con vistas a recalar no fútbol europeo no mercado de inverno.
Tadeo Allende é un xogador de banda (24 anos) que o ano pasado marcou dez goles entre todas as competicións. Unha peza cobizada por Benítez visto o baixo rendemento que está a dar un Carles Pérez que tamén podería estar no mercado, pero de saída.