O BNG demanda unha "fronte común" no Congreso para a "derrogación" da reforma laboral
O BNG demanda unha "fronte común" no Congreso para a "derrogación" da reforma laboral
Ana Pontón denuncia que o texto aprobado polo Goberno "deixa intacta a reforma do PP"
Apela ás forzas nacionalistas e progresistas para modificalo no trámite parlamentario
O BNG reclama unha "fronte común" das forzas nacionalistas, soberanistas e progresistas con respresentación no Congreso para conseguir a derrogación da reforma laboral aprobada polo PP en 2012.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón entende que o Real Decreto sobre a reforma laboral aprobado polo último Consello de Ministros do ano pasado "xera unha enorme decepción" e "incumpre os compromisos de PSOE e Podemos" de derrogar a normativa laboral existente.
Pontón denuncia que o texto acordado polo Goberno cos axentes sociais "preséntase con moita propaganda" pero é "un parche" que, "na práctica, deixa intacta a reforma do PP". Referiuse, concretamente, a aspectos como "as facilidades para o despedimento" ou o "marco estatalizador" que, segundo explicou, dálle prevalencia aos convenios colectivos de ámbito estatal.
A líder da oposición asegura tamén que o texto aprobado polo Goberno supón "unha claudicación ante a patronal" , pero tamén ante a Unión Europea, "a cambio duns fondos Next Generation que ao final van acabar en mans de catro multinacionais e non van beneficiar os traballadores".
A reforma laboral necesita validarse no Congreso dos Deputados e, por iso, a líder do BNG considera que se debe empregar o proceso parlamentario para "esixir" que o texto se tramite como un proxecto de lei e as emendas consigan a derrogación total da norma aprobada polo PP.
"A derrogación da reforma laboral do PP depende do que se faga as próximas semanas no Congreso, hai un percorrido no que podemos traballar" para que a modificación da norma non quede nun "lavado de cara que non soluciona os problemas estruturais" do mercado laboral,
A voceira do BNG fixo estas declaracións en conferencia de prensa tras reunirse, acompañada polo deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego, co secretario xeral da CIG, Paulo Carril.