O Baxi Ferrol, protagonista na gala de premios da Federación Galega de Baloncesto
O equipo ferrolán levou a consideración como o mellor club e o seu adestrador, Lino López, tamén foi galardoado
Sergi Quintela e Esther Castedo foron recoñecidos no eido individual
A gran temporada do Baxi Ferrol non pasou desapercibida na gala da Federación Galega de Baloncesto na que recoñecía os mellores deste 2025. O club ferrolán levou o premio ao Mellor Club e o seu adestrador Lino López levou o de Mellor Adestrador.
No eido individual os recoñecidos foron Sergi Quintela, do Obradoiro, e Esther Castedo, xogadora do Ensino que acaba de asinar polo Gernika para a vindeira temporada. A Mellor Xogadora de Formación foi Paula Salinas.
Un dos premios honoríficos foi para o lendario programa da Televisión de Galicia Todo Básquet. Os seus presentadores, Ovidio González e Sergio Delpont, estiveron presentes no Multiusos do Sar para recoller o premio e recibiren o aplauso de todo o baloncesto galego polo seu traballo na difusión do deporte no final dos anos oitenta e primeiros dos noventa.