"O desfibrilador o que vai facer é dar unha descarga eléctrica que vai resetear o corazón"
O ano pasado producíronse en Galicia 483 paradas cardiorrespiratorias
As autoridades sanitarias lembran a importancia de que todos os cidadáns aprendamos a facer unha reanimación cardiorrespiratoria
Na app Sergas Móbil pode consultarse o emprazamento dos 2.500 desfibriladores repartidos polo territorio galego
No Día Europeo do Paro Cardíaco, as autoridades sanitarias lembran a importancia de que todos os cidadáns formemos parte da denominada "cadea de supervivencia". Porque dispor de formación básica para realizar unha manobra de reanimación cardiopulmonar pode salvar vidas.
Os instrutores de 061 amosan como substituír coas mans o traballo dun corazón que falla, con compresións torácicas de calidade, entre 100 e 120 por minuto.
"Ademais, ma aplicación Sergas Móbil temos a localización dos desfibriladores rexistrados na comunidade. Ese desfibrilador o que vai facer é dar unha descarga eléctrica que, para que todos nos entendamos, vai resetear o corazón. Con ese chispazo estamos intentado que ese corazón volva funcionar autonomamente", dixo Manuel Alende, instrutor de soporte vital básico.
O ano pasado producíronse en Galicia 483 paradas cardiorrespiratorias, que son a principal causa de morte prematura en todos os países da nosa contorna. Son uns 16 casos por 100.000 habitantes, por baixo da media estatal que está en 24 casos por cada 100.000 habitantes.
"O innovador programa que temos en Galicia, o Acude e Axuda, é un programa de voluntarios que están rexistrados e xeolocalizados e que reciben localizacións cando no seu círculo se produce unha parada. Teñen sempre axuda da central do 061 para levar a cabo a reanimación", explicou Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
Recoñecer os síntomas, avisar o 061, reanimar, desfibrilar, é o procedemento que se divulga nesta Día Europeo do Paro Cardíaco. E mentres, chegan os servizos de emerxencia. Desde dúas bases de helicópteros, unha en Santiago e outra en Ourense, poden chegar a calquera punto da xeografía galega nun máximo de 20 minutos.