O 60 % da cidadanía estima insuficiente a información do Goberno no apagamento
Un 28,4 % considera que as novas e os datos facilitados polo executivo durante o apagamento xeral foron suficientes
Un 62,1 % da poboación escoitou a radio nalgún momento durante o corte de subministración para informarse
Un 53,5 % afirma que se acordou durante a apagada do equipo de emerxencia que recomendaba a UE ter na casa

Un 59,6 % da cidadanía considera que a información achegada polo Goberno durante o apagamento do 28 de abril "foi insuficiente", segundo unha enquisa publicada este sábado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).
O 28,4 % considera que a información facilitada polo executivo foi suficiente, sinala o avance da citada enquisa, elaborada entre os días 29 e 30 de abril a partir de 1.752 entrevistas realizadas por teléfono en 47 provincias, cunha marxe de erro do 2,4 %.
A mesma enquisa sinala que un 78 % da poboación non tivo medo, e só un 21 % chegou a padecelo.
Información insuficiente
Entre as persoas que cren que a información por parte do Goberno foi insuficiente, o 38,4 % di que faría falta "máis información sobre as causas do apagamento"; un 26,3 %, "máis información sobre cando se ía restablecer a subministración"; e un 24,1 %, "maior rapidez" á hora de comparecer.
Respecto ao que botaron "máis en falta durante o tempo que durou o apagamento", o 60 % sinala a "falla de electricidade na súa casa para realizar diferentes tarefas (cociñar, manter medicamentos ou alimentos na neveira, etc...)".
Un 55,5 % sitúa como prioritario o feito de que non funcionaran os teléfonos (fixos ou móbiles); un 26,3 % lamenta sobre todo que non estivera operativa Internet; un 9,8 % que non operasen as tarxetas de crédito; e un 7,4 % a imposibilidade de encher combustible nas gasolineiras.
Á pregunta de "en que grao lle afectou o apagamento?", máis da metade, un 52,4 %, responde que moito (un 24,3 %) ou bastante (un 28, 1%), mentres que a un 33,4 % afectoulle pouco e a un 12,8 % nada.
Un 49,9 % da cidadanía tiña na casa un aparello de radio a pilas ou baterías co que podía escoitar as noticias, e un 3,3 % comprouno ou llo prestaron ese día.

Escoita da radio
O CIS pregunta tamén sobre as persoas que escoitaron a radio nalgún momento durante o apagamento para informarse, e un 62,1 % responde afirmativamente (un 37,9 % non o fixo).
Deste grupo, un 58,2 % tardou máis dunha hora en poñerse a escoitar as noticias; un 33 % estivo conectado á radio ata que se recuperou a electricidade; un 16,5 % entre dous e catro horas; un 15,9 % entre unha e dúas horas; e un 34,3 % unha hora ou menos.
Ademais, un 58,1 % escoitou unha soa emisora, dentro dun abano que encabeza Radio Nacional (un 21,3 %), seguida da Cadena Ser (16,7 %), Cadena Cope (14,5 %), Onda Cero (6,3 %) e Catalunya Radio (4,3 %) ou RAC 1 (3,7 %).
Un 89,2 % valora ben ou moi ben a información fornecida pola emisora que máis escoitou.
Comportamento cívico e causas
O 82,2 % valora "moi ben ou ben" o comportamento da veciñanza e das persoas coas que coincidiu durante o apagamento, e só un 3,8 % considera que o seu comportamento debe ser considerado como malo ou moi malo.
O 46,2 % cre que a causa do apagamento foi un accidente ou fallo no sistema eléctrico, mentres que un 26,6 % achácao a un acto deliberado de alguén, por exemplo un ciberataque.
Ademais, un 41,6 % botou en falta no seu fogar algo durante o tempo que durou o apagamento. Do total, un 34,9 % necesitou unha fonte de enerxía non eléctrica para cociñar, un 15,5 % un aparello de radio a pilas e un 10 % lanternas, candeas ou similares.

Equipo de emerxencia
Un 53,5 % afirma que se acordou durante o apagamento do 28 de abril do equipo de emerxencia que recomendaba a Unión Europea ter na casa e un 34,3 % asegura que xa tiña un deste tipo ou similar no seu fogar.
A xuízo do 44,2 %, para previr outro apagamento deste tipo o importante sería modernizar a rede eléctrica; un 41,7 % cre que habería que investir máis en infraestruturas críticas; e unha 32,6 % aposta por aumentar o número de xeradores instalados en entidades e servizos públicos.
Un 49,3 % dos enquisados cre que non é necesario ou conveniente crear un Ministerio para facer fronte ás situacións de emerxencia que poidan xurdir. Mentres un 47,2 % considera que si.
Segundo a sondaxe do CIS, case a metade da cidadanía, un 45 %, estaba na casa no momento do apagamento, mentres que un 27,6 % se atopaba no seu lugar de traballo e un 14,7 % na rúa.