O Día Mundial da Visión incide na miopía, que afecta unha de cada tres persoas
Os especialistas sinalan a importancia de facer unha revisión da vista cando menos unha vez ao ano
Hoxe é o Día Mundial da Visión, e este ano incide na miopía. Unha afección que se detecta cada vez en idades máis temperás. Afecta a unha de cada tres persoas e segue medrando. Estímase para o 2050 máis da metade da poboación española será miope.
De feito, a OMS xa considera a miopía como unha pandemia. Avanza de xeito imparable e os especialistas sensibilizan da importancia de atallala desde idades temperás.
A presidenta do Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia, Esther Amaro, di que "Cada vez pasamos menos tempo ao aire libre, facendo actividades ao aire libre. Forzamos moito a visión de preto e non a relaxamos. A ergonomía é un asunto pendente que non se ten en conta"
Nenos e nenas e adolescentes son cada vez máis miopes. O porqué témolo diante. "Especialmente os medios electrónicos porque supoñen non só un esforzo visual senón que as emisións de luz e radiación que producen tamén teñen a súa importancia", concreta Juan José Martínez, óptico optometrista.
Este Día Mundial da Visión centrou a campaña informativa en Ferrol. Alí incidiron na importancia de facer unha revisión da vista cando menos unha vez ao ano.
Corrixir defectos na infancia e na adolescencia para evitar problemas de visión no futuro. Porque non é só a dificultade para ver nitidamente. As miopías altas son máis propensas a desenvolver patoloxías con risco: desprendementos de retina, glaucomas, cataratas ou dexeneración macular.