Nace Adival, unha rede de dinamización da cultura no rural de Galicia
Rueda anima as 5.000 entidades culturais do país a sumarse a este proxecto que considera "ambicioso"
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu este sábado en Santiago á presentación da Rede Adival, unha iniciativa do Goberno galego para aumentar a oferta cultural no rural, coordinando as actuacións das entidades do sector nas zonas menos poboadas do país. Nese acto Rueda dixo que é un proxecto "pioneiro e ambicioso" para dinamizar Galicia e a cultura.
Adival significa corda longa e grosa para suxeitar unha carga e iso é o que se busca coa creación desta rede: unha corda de que termar entre todos para aumentar a oferta cultural no rural, xerar emprego no sector e impulsar o turismo cultural.
"Canto máis traballamos con entidades culturais europeas urbanas e rurais, máis somos conscientes do noso potencial como sectores culturais, herdeiros da disciplina pobre, da terra", defendeu Uxío Novoneyra fillo, presidente da Fundación encargada de conservar e difundir o legado do poeta do Courel.
En Galicia hai máis de 5.000 entidades culturais sen ánimo de lucro ás que o presidente da Xunta en funcións anima a sumarse a esta rede de dinamización cultural no rural. Alfonso Rueda di que este o proxecto é unha das prioridades da próxima lexislatura e que o obxectivo é poñelo a andar este ano.
"Lanzo esta mensaxe de compromiso. Se a resposta é como a que estamos vendo isto pode ser un gran proxecto que dinamice Galicia e a nosa cultura e ao final nos faga máis grandes como pobo", afirmou o presidente.
A Rede Adival será unha asociación voluntaria que promoverá a colaboración de entidades e administracións para garantir que haxa programacións culturais regulares nas zonas menos poboadas, onde viven case dous millóns de galegos.