Núñez Villaverde: "Os tanques dan a oportunidade de responder doutro xeito á invasión rusa"
O codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria cre que o envío de carros de combate, ou eventualmente de cazas de combate, non vai provocar unha escalada no conflito
Jesús Núñez Villaverde advirte que os Leopard ou os Abrams tardarán en entrar en combate pero poden permitir que Ucraína aguante outra ofensiva e poida tomar a iniciativa
Para este analista os obxectivos son os que marcan as diferenzas: Ucraína e Rusia buscan a vitoria e os aliados da OTAN, debilitar a Moscova
341 días pasaron desde que Rusia comezara a guerra en Ucraína. A días para que se cumpra o ano do conflito volven os bombardeos a obxectivos civís e, trala confirmación do envío de tanques, Kíiv pide agora cazas desde os países aliados, unha posibilidade que o chanceler alemán desbotou esta pasada madrugada.
Jesús Núñez Villaverde, codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, cre que iso "sería un paso máis, pero é o que levamos visto desde que comezou a invasión rusa".
"Hai que ter en conta -explica- que na orixe Ucraína só tiña o que podía fabricar ela mesma e os efectivos que podía ter acumulados de tempo atrás, pero a partir de aí paso a paso, vemos como países occidentais cos Estados Unidos á cabeza decidiron subministrarlle armamento cada vez máis sofisticado, cada vez máis preciso, e iso é o que lle permitiu a Ucraína aguantar esa invasión e tomar a iniciativa no campo de batalla a partir de finais do verán pasado".
Núñez Villaverde cre que "o que vai facer Kíiv é seguir demandando máis material porque entende que dese xeito ten algunha posibilidade de recuperar a integridade territorial e tamén, dese xeito, pode reducir as vítimas que está a provocar Rusia con eses ataques indiscriminados".
"Non hai ningunha arma, quitando as nucleares, que teñan a capacidade por si soas de gañar unha guerra"
Porén, este analista resta transcendencia á presenza no campo de batalla dos carros de combate comprometidos polos aliados: "Hai que entender que non hai ningunha arma, quitando as nucleares, que teñan a capacidade por si soas de gañar unha guerra".
"Pero evidentemente -asegura- se agora mesmo Ucraína conta con eses carros de combate, que previsiblemente se lle van entregar nas próximas semanas ou meses, dálle cando menos a oportunidade, por un lado de volver bloquear unha ofensiva rusa que xa se está a preparar para a próxima primavera, e por outra parte seguir recuperando esa parte do territorio que aínda está en mans de Rusia".
En calquera caso, advirte o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria de que se trata "dunha misión moi complexa, porque hai que entregar eses carros de combate e iso vai supoñer tempo para facelos chegar a mans ucraínas e hai que adestrar esas tripulacións. Non se trata xa de que os carros de combate unha vez que estean alí vaian estar xa operativos automaticamente".
"Dálle a oportunidade de responder doutro xeito á invasión rusa"
"Todo iso necesita tempo. Non se tata de pensar que cos carros xa Ucraína ten garantida a vitoria na guerra. Iso está aínda moi lonxe, pero dálle a oportunidade de responder doutro xeito á invasión rusa", afirma Núñez Villaverde.
En canto á posibilidade da entrada de miliares da OTAN en combate, aí sitúa o límite: "Parece claro que o envío de tropas non vai pasar. Podemos ter claro que non vai haber tropas de ningún país da OTAN despregadas en misión de combate no territorio ucraíno".
"Non é a entrega das armas o que vai provocar unha escalada"
"Pero a partir de aí o que podemos entender que o argumento dunha posible escalada por parte de Rusia cada vez que se lle entrega un sistema de armas a Ucraína é algo que xa vimos escoitando desde o principio da invasión. E algo que tamén estamos a ver que en termos moi concretos non se produciu", asegura, dando a entender que esas afirmacións tamén son parte da propia dinámica do conflito.
"Non é a entrega das armas o que vai provocar unha escalada. Iso xa está provocado por Putin desde o momento en que invade ese país. Hai que ter moi claro que esta guerra termina no momento no que Putin diga ata aquí chegou. Ninguén vai invadir Rusia, nin Ucraína nin tampouco a OTAN, nin ningún país da Alianza", asegura.
Daquela, para Núñez Villaverde "o que queda por ver é que vontade ten Putin para entender que non vai conseguir os seus obxectivos militarmente e polo tanto ten que chegar a unha mesa de negociación que suporía non alcanzar os obxectivos que lle levaron a esa invasión".
"Podemos preguntarnos que busca Occidente, cos Estados Unidos á cabeza"
En canto a como se vai desenvolver a guerra, este analista cre que é unha cuestión de obxectivos e "aí é onde podemos ver unha discrepancia, porque está claro que para Zelensky, o presidente ucraíno, o obxectivo non é a paz senón a vitoria, expulsar as tropas rusas do territorio ucraíno, incluído Crimea e iso non está hoxe nas súas mans. Non ten capacidade real nin militar, nin industrial, nin económica para conseguir ese obxectivo, por tanto o que cabe imaxinar e que estamos nunha guerra longa, sen un final a curto prazo. Pero tamén está claro que Rusia non vai conseguir un obxectivo similar".
"Polo tanto, podemos preguntarnos que busca Occidente, cos Estados Unidos á cabeza, cando entra nesta secuencia de entrega de material cada vez máis sofisticado. E o que podemos sacar de aí é que efectivamente, mentres que Kíiv o que quere é a vitoria definitiva e a expulsión definitiva dos rusos, o que pode pretender Washington é desgastar a Rusia ata o punto de quedar totalmente debilitada e incapacitada para ser un rival estratéxico, non só na Ucraína senón en termos máis globais. O que indica que imos a unha guerra cada vez máis longa", conclúe Núñez Villaverde.