Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren 31 palestinos nun bombardeo israelí contra un colexio de Gaza

Morren 31 palestinos nun bombardeo israelí contra un colexio de Gaza

A escola servía de refuxio para os desprazados; segundo Israel, era un centro de control de militantes de Hamas

Países árabes do grupo de Madrid piden que a ONU apoie a solución dos dous Estados

España propón un embargo á venda de armas a Israel para deter a guerra en Gaza

REUTERS / Dawoud Abu Alkas REUTERS / Dawoud Abu Alkas
G24.gal 26/05/2025 09:36

Polo menos 31 palestinos morreron durante a madrugada deste luns nun bombardeo israelí contra unha escola de Gaza, onde se refuxiaban persoas desprazadas, segundo confirman fontes do Ministerio de Sanidade, en mans do Goberno de Hamas.

"O número total de vítimas na escola Fahmi al Fa ata o momento é de 31. Os corpos de 30 persoas están no depósito do Hospital Al Shifa e un no de Ahli", dixo o director da Unidade de Información de Sanidade.

Vídeos do suceso, supostamente gravados por rescatistas da Defensa Civil, mostran un grande incendio, corpos de nenos entre os entullos e un deles tentando escapar do lume.

O exército israelí dixo, sen achegar probas, que a escola funcionaba como un suposto centro de comando e control de militantes de Hamas e a Xihad Islámica, desde onde recompilaban información para os seus ataques.

As escolas de Gaza convertéronse na súa gran maioría en refuxios para os desprazados pola ofensiva militar israelí.

Ademais, outras 15 persoas, entre elas membros dunha mesma familia e desprazados, foron asasinadas no ataque aéreo contra unha vivenda na localidade de Jabalia, confirmou esta mesma fonte de Sanidade.

"A casa ten dous pisos e quedou completamente destruída", dixeron a EFE fontes locais, mentres a Defensa Civil segue buscando sobreviventes. 

Piden un apoio tanxible á solución dos dous Estados

Os países árabes e musulmáns esixiron apoio tanxible na Conferencia de Nacións Unidas de xuño próximo á solución de dous Estados como a única viable para resolver o conflito en Palestina, tras participar o domingo na reunión do chamado Grupo de Madrid, convocada e patrocinada por España.

Nun comunicado conxunto difundido nas últimas horas, os xefes das diplomacias de Arabia Saudita, Xordania, Qatar e Exipto e mais un representante de Turquía e os secretarios xerais da liga Árabe e da Organización da Cooperación Islámica (OCI), entre outros, subliñaron que aprecian o apoio de España e doutros países europeos a esa solución.

O ministro español de Asuntos Exteriores José Manuel Albares reuniu o domingo en España representantes dunha vintena de países árabes, musulmáns e europeos a fin de abordar as formas para poñer fin á guerra en Gaza, introducir axuda á poboación civil e apoiar a solución de dous Estados, un palestino á beira do israelí.

Entre os participantes estiveron presentes os países europeos que recoñeceron recentemente a Palestina (Noruega, Eslovenia e Irlanda, ademais do anfitrión), pero tamén acudiron Alemaña, Brasil, Francia, Italia e Portugal, entre outros, algúns por videoconferencia.

Así mesmo, asistiron os membros do Comité Ministerial Árabe-Islámico creado a finais de 2023 pola liga Árabe e a OCI para animar o apoio á solución de dous Estados e seguir a situación en Gaza, onde preto de 54.000 persoas morreron desde o inicio da guerra en outubro de 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade