Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre aos 90 anos o locutor e actor ferrolán Rafael Taibo, a voz de Jacques Cousteau

Morre aos 90 anos o locutor e actor ferrolán Rafael Taibo, a voz de Jacques Cousteau

En 2015 foi recoñecido co Premio Nacional de Radio outorgado pola Academia da Radio Española

Rafael Taibo. Europa Press Rafael Taibo. Europa Press
G24.gal 07/05/2026 18:50

O locutor, actor e narrador Rafael Taibo faleceu en Madrid este 5 de maio aos 90 anos, segundo informou nun comunicado a súa filla, Manen Taibo.

Taibo, nacido en Ferrol en 1935, iniciou a súa actividade no teatro e na radio na súa cidade natal, onde fundou unha compañía teatral e colaborou con Radio Ferrol.

Durante os seus anos universitarios en Santiago de Compostela impulsou o Teatro Español Universitario (TEU), antes de trasladarse a Madrid para incorporarse a Radio Nacional de España e ao cadro de actores de Radio Madrid.

Nese período tamén participou activamente en espazos de oposición cultural ao franquismo, chegando a presidir o Club de Amigos da UNESCO de Madrid durante case dúas décadas, labor pola que sufriu persecución e represalias.

Unha das voces máis recoñecidas de España 

A súa carreira como actor de dobraxe e locutor fíxoo unha das voces máis recoñecidas de España e a súa interpretación nos documentais do comandante Jacques Cousteau converteuno na voz española do mundo submarino. O seu timbre quedará ligado para sempre á imaxe do Calypso.

A súa achega á comunicación e á cultura foi recoñecida en 2015 co Premio Nacional de Radio outorgado pola Academia da Radio Española.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos