Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre aos 70 anos Javier Marías, figura fundamental da literatura en español

Morre aos 70 anos Javier Marías, figura fundamental da literatura en español

Permanecía ingresado por complicacións derivadas dunha pneumonía

En marzo de 2021 publicou a súa décimo sexta novela, Tomás Nevinson

Era un dos eternos aspirantes ao Nobel de Literatura

G24.gal 11/09/2022 16:32 Última actualización 11/09/2022 21:22

O escritor Javier Marías faleceu este domingo aos 70 anos nun hospital de Madrid onde estaba ingresado por unha complicación da afección pulmonar que padecía, segundo confirmaron a EFE fontes da súa editorial. O 15 de agosto, a editorial Alfaguara informou de que o escritor e académico Javier Marías (Madrid, 1951) padecía unha afección pulmonar "da que estaba en proceso de recuperación".

"Ante a preocupación suscitada polo estado de saúde do escritor Javier Marías, comunicámoslles que padece unha afección pulmonar da que está en proceso de recuperación", sinalaba o comunicado, no que a editorial desexaba "unha pronta melloría" ao autor.

Javier Marías era autor de quince novelas, entre elas, El hombre sentimental (Premio Ennio Flaiano), Todas las almas (Premio Ciudad de Barcelona) ou Corazón tan blanco (Premio da Crítica, IMPAC Dublin Literary Award, Prix l'Oeil et la Lettre). Outras das súas novelas son Mañana en la batalla piensa en mí (Premio Rómulo Gallegos, Prix Femina Etranger, Premio Mondello, Premio Fastenrath), Berta Isla (Premio da Crítica, Premio Dulce Chacón, Mellor Libro do Ano en Babelia, en Corriere della Sera e en Público de Portugal) e Tomás Nevinson, o seu último libro, publicado en marzo.

No mes de decembro foi elixido membro internacional da Royal Society of Literature, a organización benéfica do Reino Unido para a promoción da literatura, da que forman parte, entre outros escritores, David Grossman, Annie Ernaux, Amin Maalouf e Olga Tokarczuk.

Unha vez coñecido o falecemento do escritor e académico, son innumerables as mostras de pesar desde o mundo da cultura, das artes e da política.

O presidente do Goberno Pedro Sánchez afirmaba nas súas redes sociais: "Déixanos un dos grandes escritores do noso tempo". Aseguraba que é un día triste para as letras españolas e enviaba o seu agarimo e afecto á familia e amigos.

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo sumouse ás mostras de pesar pola desaparición de Javier Marías e lembra o escritor como máximo expoñente da literatura contemporánea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade