Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a cerimonia oficial de investidura de Lula da Silva en Brasilia

Comeza a cerimonia oficial de investidura de Lula da Silva en Brasilia

Bolsonaro, fóra do país, non lle entregará a banda presidencial, como manda o protocolo

G24.gal 01/01/2023 10:13 Última actualización 01/01/2023 18:32

Milleiros de persoas congregáronse este domingo no corazón político de Brasilia para a investidura como presidente brasileiro de Luiz Inácio Lula da Silva, quen asume por terceira vez o poder que xa exerceu durante dous períodos consecutivos, entre 2003 e 2010.

A cerimonia oficial comeza nun dos extremos da Chaira dos Ministerios, avenida na que se sitúan todos os edificios do poder público e na que se concentran os actos.

Tras facer un percorrido en Rolls Royce modelo "Silver Wraith" sen capota da Presidencia brasileira, no que estará acompañado pola súa dona, Rosângela "Janja" da Silva, xurará na sede do Parlamento o cargo.

Entón pronunciará o seu primeiro discurso como presidente fronte a todo o poder político nacional e delegacións de medio cento de países, que incluirán unha vintena de xefes de Estado e de Goberno.

Entre eles, está o rei de España e os presidentes da Arxentina, Bolivia, Colombia, Chile, Ecuador, Paraguai, o Uruguai, así como os da Alemaña e Portugal.

Tras o discurso, trasladarase ao veciño Palacio de Planalto, sede da Presidencia, ao que ingresará por unha rampla que conduce desde a rúa ata o primeiro andar do edificio.

Logo dirixirase á multitude congregada na Chaira dos Ministerios desde o parlatorio, unha sorte de gran púlpito na parte exterior do Palacio de Planalto, e asinará os termos de investidura dos 37 ministros que terá o seu Goberno.

Banda presidencial

Antes dese segundo discurso, recibirá no "parlatorio" a banda presidencial, que non lle vai entregar o presidente saínte, Jair Bolsonaro, como manda o protocolo, porque o líder da ultradereita, que non aceptou a derrota electoral, viaxou aos Estados Unidos o venres pasado.

Segundo fontes próximas ao novo Goberno, a idea é que Lula reciba a banda dun pequeno grupo de persoas, que simbolizarían no acto "a diversidade do Brasil democrático".

As cerimonias oficiais concluirán cunha recepción que será ofrecida por Lula ás delegacións estranxeiras no palacio de Itamaraty, sede da chancelería, situada a uns cincocentos metros da sede de Goberno.

En coincidencia coa recepción, comezará o chamado Festival do Futuro, un concerto que reunirá medio cento de artistas populares e cuxo pano se prevé que baixará xa entrada a madrugada do luns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade