Milei chama a Pedro Sánchez "bandido local" nun acto en Madrid
O presidente arxentino arremeteu contra Pedro Sánchez no Madrid Economic Forum, cunha bancada que o seguiu
Resaltou os maiores logros que conseguiu no seu mandato para a economía do seu país
Milei soña cunha Arxentina que sexa primeira potencia mundial, para o que dá de prazo 40 anos
O presidente arxentino, Javier Milei, realizou un acto onte durante o peche do Madrid Economic Forum, no Palacio de Vistalegre. Neste acto Milei non deixou indiferente a ninguén, con críticas cara ao goberno español e promesas sobre o seu país.
Unha das persoas contra as que cargou o arxentino foi Pedro Sánchez, ao que tachou de "bandido local" entre unha multitude que non deixaba de insultar o presidente español con cánticos coma "Pedro Sánchez, fillo de puta!". Logo disto, Milei seguiu arremetendo contra o español, invitando os asistentes a seguir "dando zurra ao bandido local".
O público dicíalle que o necesitaban aquí e a súa resposta non era outra que asegurar que sempre ía estar contra os "socialistas de merda". Mais, por suposto, non todo ía ser falar de España.
Os logros da Arxentina
Milei defendeu nunha hora de discurso os logros económicos do país, aclarando que o PIB subiu un 6 % no 2024. "Dicían que eu non me ía animar a abrir o cepo nun ano electoral, o lixo mediático e os corruptos dos xornalistas expandían novas inmundas", engadiu.
Así, reivindicou que "pese a estar en ano electoral, abrimos o cepo e hoxe o tipo de cambio cotiza moito máis cerca do piso da banda de cambio". Outro punto que remarcou foi que as taxas de inflación neste mes espérase rompan o 2 %, e para o ano, a inflación arxentina vai ser historia.
Milei tamén falou do seu plan para sacar os dólares escondidos, aclarando que permiten facer transaccións con dólares non declarados. Ademais, defendeu as súas medidas de goberno, porque sen elas "volverían os populistas peronistas coa cabeza máis adiante".
Por suposto, non faltaron as súas críticas ao Estado, tachándoo de "organización criminal", afirmando que os impostos son un roubo e falou dun posible segundo mandato.
A Arxentina, primeira potencia mundial
Sen dúbida, o que chamou a atención foi que Milei, nun prazo de 40 anos, asegurou que A Arxentina se proclamaría primeira potencia mundial sen dúbidas, sempre que continúe "abrazando as ideas da liberdade".
"Sabemos o que hai que facer. Sabemos como hai que facelo. Que non nos falte a coraxe para facelo porque somos os que podemos poñer de pé a todo o mundo", apelou.
Finalmente, rematou a súa actuación aclamando que hai que "pelexar" contra os políticos corruptos e con gritos de "Viva a liberdade, carallo! Viva España! Viva A Arxentina!" como conclusión, que adoita ser xa de estilo común nos seus mitins.