Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miguel Leiro, Premio Nacional de Deseño 2025, ve no deseño unha ferramenta de pensamento

Miguel Leiro, Premio Nacional de Deseño 2025, ve no deseño unha ferramenta de pensamento

O galego licenciouse en Deseño Industrial en Nova York e actualmente ten o seu estudio en Madrid

Dedícase ao deseño de produto, pero tamén é profesor e promotor da bienal de deseño e arquitectura Mayrit

G24.gal 09/11/2025 09:40 Última actualización 09/11/2025 09:52

Miguel Leiro veu a Santiago para participar nun foro organizado pola Asociación Galega de Deseño. O creador afirma que o Premio Nacional de Deseño, na modalidade de Mozos Profesionais, que recibiu esta semana de mans da raíña Letizia, transmítelle unha mensaxe inspiradora.

"De que existen posibilidades de éxito distintas, que non son traxectorias normativas. E creo que iso é moi importante non só para min senón para a xente nova", subliña.

Miguel Leiro licenciouse en Deseño Industrial en Nova York e actualmente ten o seu estudio en Madrid. Para el o deseño é unha ferramenta de pensamento.

"Case unha forma de pensar, unha ferramenta que podemos utilizar tanto no mundo real como no mundo dixital ou artificial", precisa.

Dedícase ao deseño de produto, pero tamén traballa como profesor e o Premio Nacional veu recoñecerlle ademais o seu papel de promotor da bienal de deseño e arquitectura Mayrit.

"Foi un proxecto que evolucionou moi rápido e que ten que ver cunha capacidade de facer rede coa xente. De coñecer, de compartir, de convivir sobre o deseño", explica.

Leiro naceu en Santiago e asegura que nin o tempo que pasou nos Estados Unidos nin o feito de vivir agora en Madrid rompen o nexo que mantén coa súa terra.

"Galicia para min é moi importante porque eu traballo moito en Galicia, tanto polos meus provedores como polo feito de que representa para min unha fonte de inspiración, no contexto arquitectónico, de deseño, artístico, etcétera, etcétera", afirma.

Ao foro de Santiago veu falar do deseño desde un punto de vista cultural. Actualmente prepara a cuarta edición da Mayrit, que se celebrará en maio en Madrid, e ao tempo está a desenvolver unha nova colección de mobles. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade