Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mazón dimite como presidente da Generalitat un ano despois da dina: "Xa non podo máis"

Mazón dimite como presidente da Generalitat un ano despois da dina: "Xa non podo máis"

"Sei que cometín erros, recoñézoo, vou vivir con eles toda a miña vida, pero ningún por cálculo político"

O president carga contra a xestión do Goberno o día da súa renuncia: "A falta de axuda nas primeiras horas foi clamorosa. Queriamos axuda, pedímola e nunca a recibimos"

Feijóo cualifica de "correcta" a dimisión de Mazón fronte aos que "xamais asumen nada" mentres que o Goberno critica o "espectáculo de Mazón" por culpar a outros da súa xestión da dina

Vilaplana afirma que Mazón estivo comunicado durante o xantar e non lle percibiu présa

Rober Solsona/Europa Press
G24.gal 03/11/2025 08:38 Última actualización 03/11/2025 14:15

Carlos Mazón presentou formalmente ás 15:24 horas deste luns a súa renuncia como president da Generalitat Valenciana no rexistro de entrada de Les Corts Valencianes, despois de anunciar a súa dimisión á primeira hora da mañá.

Un ano despois da traxedia da dina que lle custou a vida a 229 persoas na comunidade valenciana, o president da Generalitat recoñeceu os seus erros e anunciou a súa dimisión á fronte do Goberno autonómico. "Sei que cometín erros, recoñézoo, vou vivir con eles toda a miña vida. Pero ningún deles foi por cálculo político nin por mala fe. Non sabiamos que o barranco do Poyo se desbordaba".

Nunha declaración institucional que ofreceu no Palau da Generalitat o president admitiu que cometeu un erro: "Permitir que se instalara no imaxinario social a idea dun presidente ausente".

Sostén que estes meses foron durísimos, que houbo momentos "insoportables" e que nin el nin a súa familia teñen forza para continuar: "Xa non podo máis". Carlos Mazón apela á responsabilidade de Les Corts valencianas para elixir o seu sucesor á fronte do Goberno e continuar así cos traballos de reconstrución.

O president seguirá gobernando en funcións ata que o BOE publique o nomeamento do seu sucesor. Polo tanto, presidirá este martes o pleno do Goberno valenciano, "tal e como estaba previsto".

"Queriamos axuda, pedímola e nunca a recibimos", denuncia Mazón

Na súa comparecencia ante os medios, o president fixo balance da xestión da dina. Asegurou que "xamais un Goberno autonómico abordou un reto nin remotamente parecido" ante o "tsunami inimaxinable" que destruíu "materialmente e animicamente" a provincia de Valencia.

Subliña que "fixemos todo o humanamente posible para recuperar as condicións básicas de normalidade",  pero  denuncia "a falta de axuda clamorosa" do Goberno central: "Queriamos axuda, pedímola e nunca a recibimos".

Segundo Carlos Mazón, un ano despois da traxedia "as feridas materiais están a curar", pero as maiores "secuelas" son as "emocionais"

A renuncia de Carlos Mazón produciuse logo das conversas mantidas este domingo co presidente do seu partido e tras un ano de protestas dos familiares das vítimas da dina esixíndolle responsabilidades pola xestión dunha catástrofe que se cobrou 229 vidas na comunidade valenciana.

Feijóo ve correcta a dimisión de Mazón: "Cometeu erros e asumiunos ata as últimas consecuencias"

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este luns que a decisión de dimitir do presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, é "unha decisión correcta" coa que dá "unha lección" aos que "xamais asumen nada".

Nunha intervención ante o seu Comité Executivo Nacional, Feijóo dixo que hoxe presentou a dimisión "un compañeiro" que sufriu "unha cacería política e persoal", xa que "non é un asasino".

"Cometeu erros, si, tamén se desculpou e asumiunos hoxe ata as últimas consecuencias", agregou. O líder do PP pediu este luns a Vox que estea "á altura" e "facilite" a elección do novo presidente da Generalitat.

O Goberno critica o espectáculo de Mazón por culpar a outros da súa xestión da dina

 O ministro de Transportes, Óscar Puente, criticou o "espectáculo lamentable" do xa presidente en funcións da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, por tentar "culpar a outros do que son as súas propias culpas" da súa xestión na dina.

O ministro, do mesmo xeito que outros membros do Executivo, Como Carlos Cuerpo ou Diana Morant, afirmou que Mazón non estivo "á altura" do cargo que tiña e que a súa dimisión "chega tarde" porque debería producirse hai un ano cando ocorreron os feitos, e atribuíu esa tardanza á "falta de liderado" do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Ssubliñou que "o único que deixou abandonados aos valencianos foi o señor Mazón", porque preferiu continuar "co lecer para cumprir coas súas obrigacións no día que máis falta facía", apostilou. O ministro lembrou que, unha vez presentada a súa dimisión, a pelota está no tellado do líder de Vox, Santiago Abascal, porque terá que dicir agora o que vai facer.

Mazón seguirá en funcións ata que se produza a remuda

Tras a dimisión de Mazón, a súa remuda a fronte da Generalitat valenciana é unha incógnita. Ao non anunciar un adianto electoral, o president seguirá gobernando en funcións ata que Les Corts Valencianes designen o seu sucesor e se publique o seu nome no BOE.

De feito, este martes presidirá o pleno do Consell, tal e como estaba previsto. Se a comunicación da dimisión de Mazón se produce este luns, os grupos terían ata o 19 de novembro para presentar os seus candidatos ou candidatas, e o pleno de investidura podería celebrarse entre o 24 e o 28 de novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade