Manu Sánchez: "Noto tranquilidade no equipo, non hai nervios nin anguria"
Manu recoñeceu antes de enfrontarse ao Atlético de Madrid que é "un partido especial"
Manu Sánchez quixo comezar a súa comparecencia mandando unha mensaxe de apoio a Joseph Aidoo, lesionado de gravidade con Ghana e ao que esperan ter de volta canto antes. De Mihailo Ristic dixo non ter información, xa que polo momento non regresou.
Manu recoñeceu antes de enfrontarse ao Atlético de Madrid que é "un partido especial" pola súa condición de canteirán do conxunto colchoeiro, pero tamén que trata de afrontalo "como un máis".
"Todos os partidos son un exame para todos. Se o míster decide contar comigo esta fin de semana, estarei feliz. É un rival duro e tentaremos conseguir eses tres puntos que fan falta en casa", dixo, insistindo en que o equipo está ben en canto a sensacións a pesar de que non acompañasen os resultados.
Asegura o madrileño que a situación clasificatoria do equipo non fai efecto no vestiario.
"Noto tranquilidade en todo o equipo, non hai nerviosismo nin angustia nin nada. Estamos tranquilos, é pronto. Aínda que sabemos que estamos nunha mala zona en canto a puntos, ganas un partido e estás en zona máis tranquila", analizou.
Do mesmo xeito, descarta que haxa presión engadida por non lograr o primeiro triunfo en casa.
"Non hai medo escénico, estamos concentrados e con ganas. A afección merece unha alegría e esperamos darlla pronto".
Lembrou que é un ano importante e queren que a xente "se poida ilusionar e sexa un ano bonito".