Publicador de contidos

Publicador de contidos

Manifestación en Santiago para denunciar a agresión dos EUA en Venezuela

Manifestación en Santiago para denunciar a agresión dos EUA en Venezuela

A manifestación contou co apoio do BNG e parte da esquerda galega así como de varias organizacións civís políticas e sindicais

Imaxe da manifestación en Santiago. EFE/ Lavandeira Jr
G24.gal 10/01/2026 14:06 Última actualización 10/01/2026 14:32

A manifestación, que discorreu tras unha pancarta co lema 'Alto á agresión ianqui contra Venezuela. Pola paz e soberanía dos pobos', estivo encabezada pola dirixente do BNG Ana Miranda; o secretario xeral de CIG, Paulo Carril; a presidenta da Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (Agabo), Ana Mosquera, e o cónsul venezolano en Vigo, Martín Pacheco.

Mosquera explicou a un grupo de xornalistas que a "agresión" a Venezuela supón un reto para a paz mundial xa que "deixa de lado" o dereito internacional para volver á "lei do máis forte", polo que convidou aos gobernantes a "ser firmes" contra ese tipo de accións.

Pola súa banda, Miranda, coordinadora de relacións internacionais do BNG, expresou o "apoio" do seu partido a Venezuela e denunciou a postura do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de organizar e apoiar unha iniciativa militar "ilegal e ilexítima" que "cuestiona o dereito internacional".

Miranda denunciou, ademais, a iniciativa de Trump de tentar controlar o "botín do petróleo" venezolano e advertiu contra a súa ameaza de apropiarse dos recursos minerais ocupando o territorio de Groenlandia, dependente de Dinamarca, e a súa repercusión para a Unión Europea.

Pola súa banda, o cónsul de Venezuela en Vigo expresou o seu "rexeitamento" contra a "agresión brutal militar" que "viola todos os principios do dereitos internacional" e que constitúe un "secuestro" dun presidente por parte doutro Estado.

Pacheco advertiu dos intentos estadounidenses de "pisar a soberanía nacional" en Cuba, Colombia e México.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade