Máis de 2,2 millóns de cidadáns, convocados para renovar os 313 concellos de Galicia
Tamén se decide a composición das deputacións provinciais
As eleccións municipais coinciden coas autonómicas en 12 comunidades
Galicia vota este domingo, a partir das nove da mañá, para renovar o poder municipal. Das urnas sairá a nova composición dos 313 concellos galegos. En total, 2.225.962 electores elixirán 3.721 concelleiros. Da votación sairá tamén a repartición dos 108 escanos das catro deputacións provinciais e os 8 postos de alcalde pedáneo.
As eleccións municipais celébranse simultaneamente en 8.131 concellos de toda España. Poden votar máis de 35 millóns e medio de electores para elixir 67.000 concelleiros. Quedarán sen votar nos 44 municipios de Castela e León, Navarra e Aragón, onde non se proclamou ningunha candidatura. Alí terán eleccións no prazo de 6 meses. As deste 28 de maio son as décimo segundas eleccións municipais da democracia.
Eleccións autonómicas
Os cidadáns de 12 comunidades están convocados tamén para elixir os representantes nos parlamentos autonómicos e nas asembleas rexionais. Celebran eleccións autonómicas no Principado de Asturias, Cantabria, Navarra, A Rioxa, Aragón, Madrid, Estremadura, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia e nas illas Baleares e Canarias.
