Máis de 1.400 detidos en Rusia polas protestas contra a mobilización militar de Putin
300.000 reservistas serán chamados a filas
Miles de rusos intentan fuxir do país
Máis de 1.400 detidos en varias cidades de Rusia tras as multitudinarias protestas contra a mobilización militar anunciada por Vladimir Putin. Pouco despois da mensaxe televisada do presidente ruso, os billetes para escapar a Istambul, Dubai ou Armenia, únicos aeroportos de destino para os rusos desde que se pecharon os ceos europeos, esgotáronse en pouco tempo.
As reaccións ao anuncio de Putin foron inmediatas no seu propio país. Convocados polos movementos opositores ao Kremlin, e sobre todo polo movemento pacifista Vesná, primavera en ruso, centos de manifestantes saíron ás rúas para protestar pola mobilización parcial de reservistas para loitar en Ucraína.
En corenta cidades repetíronse as consignas de "Non á guerra" e "Putin á trincheira". Só en San Petersburgo houbo máis de 500 detidos. Na capital, en Moscova, outros tantos. As protestas reproducíronse por todo o país a pesar das ameazas do réxime: pódenlles caer ata 15 anos de prisión por manifestárense contra o Kremlin, amais de sancións administrativas.
Nikolai, de 27 anos, di que esta non é unha guerra defensiva. "Non nos estamos defendendo a nós", relata. "Nada ameaza o noso territorio. Chamar os reservistas agora é innecesario", conclúe.
Tal e como anunciou Putin e concretaba nas últimas horas o seu ministro de Defensa, durante a mobilización parcial serán chamados a filas 300.000 reservistas. Os primeiros mobilizados serán suboficiais de reserva de menos de 35 anos e oficiais de menos de 45 anos. A Duma aprobaba este martes un endurecemento da pena por deserción ata os dez anos de prisión.
Unha vez que lles chegue a convocatoria, o Kremlin pódelles prohibir abandonar Rusia. Por iso, moitos intentaron desesperadamente fuxir do país nada máis anunciarse a mobilización militar. Os billetes para escapar de Rusia, con prezos astronómicos, esgotáronse en poucas horas. Por un voo de Moscova a Istambul ou Dubai, só de ida, chegou a pagarse 9.200 euros.