Macron considera que Europa debe mellorar a súa defensa ante a ameaza rusa e as axudas dos EUA
O presidente de Francia planea celebrar unha reunión de todos os xefes dos exércitos europeos en París a próxima semana
Anunciou que abriu "o debate estratéxico" para estender aos aliados europeos de Francia a disuasión que ofrece o arsenal nuclear do seu país

O presidente francés Emmanuel Macron anunciou ao seu país que Europa debe potenciar a súa defensa ante o aumento da "ameaza de Rusia" e as dúbidas sobre o compromiso dos Estados Unidos coa seguridade do continente.
Rusia "é unha ameaza para Francia e para Europa", afirmou Macron, quen enumerou as crecentes agresións de Moscova a países europeos nos últimos anos.
Asasinatos de opositores exiliados, interferencia en eleccións, ciberataques, campañas de desinformación ou provocacións de avións e buques militares rusos xunto ás fronteiras europeas foron algunhas das manifestacións do que cualificou como "agresividade" de Rusia.
"Estados Unidos, o noso aliado, cambiou de posición na guerra. Apoia menos a Ucraína e deixa planear as dúbidas sobre o futuro. Europa debe continuar a axudar os ucraínos a resistiren ata que poidan negociar con Rusia unha paz sólida", afirmou Macron, que recalcou que "a paz non pode ser a capitulación de Ucraína".
Tamén anunciou que a próxima semana se celebrará en París unha reunión dos xefes de Estado Maior dos países dispostos a garantir un eventual acordo de paz en Ucraína.
"O obxectivo é elaborar un plan para unha paz sólida, duradeira e verificable construída con Kíev e varios socios europeos", indicou Macron.
Programa de rearmamento ruso
Macron alertou de que Rusia está nun programa de rearmamento para aumentar aínda máis as súas forzas armadas, con 300.000 soldados, 3.000 carros de combate e 300 cazas adicionais para 2030. "Quen pode crer que Rusia se conformará con Ucraína?", engadiu.
"O futuro de Europa non pode ser decidido en Washington ou Moscova. A ameaza vén do leste, a situación de estabilidade posterior á caída do Muro (de Berlín) xa non existe", recapitulou.
Fronte a iso, recoñeceu que hai dúbidas sobre o compromiso de Washington coa seguridade europea e, aínda que mostrou o seu desexo de que Os Estados Unidos sigan implicados, advertiu que hai que prepararse por se non fose o caso.
"A saída que queda a Europa é un reforzo das súas capacidades de defensa, dentro dun proceso do que o Consello Europeo extraordinario de mañá en Bruxelas será un primeiro paso, porque é necesario reforzar a nosa independencia en materia de defensa e seguridade", sostivo.
Adresse aux Français. https://t.co/kIZujyyfiX
— Emmanuel Macron (@EmmanuelMacron) March 5, 2025
O presidente francés tamén anunciou que abriu o debate sobre estender aos aliados europeos de Francia a disuasión nuclear que lle permiten as súas armas atómicas, que a converten no único membro da Unión Europea con esta capacidade.
"A nosa disuasión nuclear protéxenos, é francesa de principio a fin. Abrín o debate estratéxico da protección coa disuasión nuclear dos nosos aliados. A decisión última da súa utilización estará sempre en mans do presidente da República", afirmou Macron.
Internamente, Macron anunciou a continuación do incremento do gasto militar aínda que sen aumentar os impostos, e lanzou un chamamento a favor da unidade e o copromiso dos franceses: "A patria necesítavos".