Publicador de contidos
Publicador de contidos

Macron anuncia o seu novo Goberno, en que mantén os pesos pesados do seu partido

Macron anuncia o seu novo Goberno, en que mantén os pesos pesados do seu partido

A exministra sarkozista Rachida Dati será a nova ministra de Cultura

Macron deixou fóra do seu novo Goberno os representates máis progresistas do seu partido

O presidente francés anunciou un goberno de tan só once membros

G24.gal 11/01/2024 20:37 Última actualización 11/01/2024 21:20

A exministra sarkozista Rachida Dati será a nova ministra de Cultura do Goberno nomeado este xoves polo presidente francés Emmanuel Macron, en que se manteñen os pesos pesados do seu partido, o liberal Renacemento.

Como titulares nas diferentes carteiras están en Interior Gerald Darmanin, en Economía Bruno Le Maire, en Xustiza Éric Dupont-Moretti e en Defensa Sébastien Lecornu. Todos eles, representates das diferentes faccións do macronismo, manteñen as súas carteiras no novo Executivo.

Dous días despois do nomeamento do exmilitante socialista á fronte do Executivo Gabriel Attal, a chegada de Dati, que ocupou o Ministerio de Xustiza dende o 2007 ao 2009 baixo a presidencia do conservador Nicolas Sarkozy, interprétase como un xiro á dereita do presidente. Así mesmo, Macron deixou fóra do seu novo Goberno aos representantes máis progresistas do seu partido.

É o caso do ata agora titular da carteira de Transportes Clément Baume, que liderou un amago de rebelión a mediados do mes pasado contra a lei de inmigración, adoptada finalmente grazas ao apoio da extrema dereita.

Quedan fóra tamén o ministro de Traballo Oliver Dussopt, a responsable de Transición Enerxética Agnès Pannier-Runacher e a titular de Cultura Rima Abdul-Malak, que deixa o seu posto a Dati.

A nova ministra de Cultura amosou o seu desexo de non abandonar o partido conservador dos Republicanos, aínda que o seu líder Éric Ciotti anunciou a súa expulsión inmediatamente despois do seu nomeamento como ministra.

As novas figuras do Goberno de Macron

Dati foi considerada unha figura moi achegada a Nicolas Sarkozy, que exercía como ata o de agora como líder da oposición no Concello de París á socialista Anne Hidalgo.

A nova ministra de Cultura será un dos tres membros do novo gabinete, xunto con Darmain, Le Maire e Vautrin, que xa foron ministros con Sarkozy. Este último foi tamén vicepresidente da Asemblea Nacional durante o goberno sarkozista. Neste novo Goberno, Vautrin contrará cunha ampla carteira social, que incluirá as funcións de Traballo, Sanidade e Solidariedade.

A elección de Macron é unha clara aposta pola dereita no seu novo Goberno, en que a actual ministra de Deportes Amélie Oudea-Castera, suma as funcións de Educación, que ata o de agora tiña o novo primeiro ministro Gabriel Attal. Nun ano clave para o deporte coa perspectiva dos Xogos Olímpicos de París, a extenista ve reforzada a súa posición no Goberno.

Catherine Colonna deixa a carteira de Exteriores tras 20 meses no cargo e será substituída polo eurodeputado Stéphane Séjourné, favorito para encabezar o cartel electoral do partido de Macron para as europeas de xuño, en que a extrema dereita é favorita nas enquisas.

O nomeamento de Séjourné supón a saída da última muller nun dos principais ministerios, que estarán ocupados integramente por homes.

Continuarán nos seus cargos os titulares de Agricultura Marc Fesnau, de Transición Ecolóxica Christophe Béchu e de Universidades e Investigación Sylvie Ratailleau.

O relevo tamén chega aos voceiros do Executivo, do que sae Olivier Veran, que exerceu como ministro de Sanidade ao longo da pandemia de covid-19, e deixa o seu posto a Prisca Thévenot, que exerceu ata o de agora como secretaria de Estado de Xuventude.

O Elíseo anunciou un goberno con apenas once membros, aos que se suma a portavoz e outras dúas ministras delegadas: Aurore Bergé, ao cargo de igualdade entre homes e mulleres, e Marie Lebec, responsable de Relacións co Parlamento, posto clave ante a ausencia de maioría parlamentaria do partido de Macron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade