Lino Braxe, Premio de Honra Marisa Soto, que outorga a AAAG a título póstumo
O actor falecido en 2020 foi tamén director, dramaturgo, poeta, pintor ou locutor de RNE
A AAAG recoñece a traxectoria deste artista multidisciplinar, que tivo como estandarte o compromiso coa cultura
É a segunda vez que este premio se entrega de xeito póstumo, logo de homenaxear a Xosé Manuel Olveira Pico en 2014
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe (Mugardos, 1962-A Coruña, 2020), figura poliédrica da escena e a cultura galega. Braxe cultivou a interpretación, a dirección ou a dramaturxia dentro do ámbito da escena, pero tamén a poesía, a narrativa ou a pintura.
A AAAG recoñece así a un autor multidisciplinar, "un artista todo terreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte desde as diferentes frontes que militou". Foi tamén un dos impulsores dos Premios María Casares, dos que foi finalista en varias ocasións.
No Diario cultural da Radio Galega afondamos na súa figura conversando con Luma Gómez, vicepresidenta da AAAG, e o actor Xavier Estévez.
