Publicador de contidos

Publicador de contidos

Justin Bieber cancela os próximos concertos por unha parálise facial causada por un virus

Justin Bieber cancela os próximos concertos por unha parálise facial causada por un virus

Ao cantante pop diagnosticáronlle a síndrome de Ramsey Hunt, provocado por unha infección dun nervio na cabeza

Ten paralizados o ollo, o nariz e a boca dun lado da cara

G24.gal 11/06/2022 16:31 Última actualización 11/06/2022 16:53

Unha parálise facial orixinada por un virus obrigou a Justin Bieber a deixar de lado de xeito momentáneo a súa carreira. Na rede social Instagram, o cantante dixo que lle diagnosticaron a síndrome de Ramsay Hunt, e que só pode sorrir cun lado da boca.

O artista canadense de 28 anos cancelou algúns concertos para enfocarse na recuperación. Ademais de á boca, a parálise afectoulle aos nervios do oído dereito e da faciana. O cantante explicou que o seu ollo dereito non pestanexa e non pode moverse a ese lado, "así que hai unha parálise completa neste lado da miña cara", resumiu á vez que engadía que realiza exercicios de ximnasia facial e que espera recuperarse.

"Todo volverá á normalidade", conclúe. Aos seus seguidores díxolles que é algo temporal pero que non sabe canto vai durar. Asegurou que agora mesmo é incapaz de subir a un escenario.

Bieber alcanzou a fama aos 13 anos e converteuse nun fenómeno mundial do pop. Logrou dous Grammys das 22 candidaturas que obtivo, as últimas ao mellor disco e ao tema do ano por Peaches, o seu último éxito.

 A síndrome que padece Bieber é provocada cando un virus, o mesmo que causa a varicela ou o herpes zóster, infecta un nervio na cabeza. É unha erupción dolorosa que responde con tratamento de esteroides ou antivirais.

 Este ano non está a ser precisamente favorable para Bieber. En febreiro pasou a covid tras o concerto inaugural da súa xira mundial, e ao mes seguinte, a súa muller sufriu un coágulo no cerebro xusto cando o cantante regresaba aos escenarios. Hailey Bieber recuperouse por fortuna ás poucas horas, aínda que admitiu que levou "un dos peores sustos" da súa vida.

 En 2016 Bieber anuncioulles aos seus incondicionais que arrastraba un profundo cansazo mental e emocional ante a presión que soportaba. Tras superar unha depresión, en 2020 sacou o seu primeiro disco en cinco anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade