Javi Rey: "O equipo só pensa no seguinte rival. No vestiario non se fala do ascenso"
Javi Rey: "O equipo só pensa no seguinte rival. No vestiario non se fala do ascenso"
O técnico do Arenteiro analizou na Radio Galega o empate en terras cántabras

Nun partido cheo de alternancias e no que puido pasar de todo, o líder mantivo a serie de imbatibilidade a domicilio tras empatar no desconto no feudo do Raio Cantabria. Tras o choque, e dende o autobús que traslada durante sete horas ao conxunto verde de regreso a casa, o técnico Javi Rey atendeu a chamada do Galicia en goles.
"O equipo reaccionou ben aos seus goles. O punto é importante se analizas como chegou, pero creo incluso que logo do visto no campo merecemos máis. Buscamos incluso o dous a tres. Hai que valorar o punto conseguido porque nesta categoría é difícil e seguimos sumando en busca do obxectivo. No vestiario, polo menos diante de min, non se fala do ascenso. Este equipo amosou na Liga, Copa, Copa Federación que pensa sempre no seguinte partido, que non perde a perspectiva. Así seguiremos. O camiño de volta é longo, esta é a viaxe máis longa do ano, e estamos cansados, pero nesta situación todo se leva mellor".