Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz denega a petición de Jácome e permite a difusión dos audios

O xuíz denega a petición de Jácome e permite a difusión dos audios

O alcalde de Ourense formalizou denuncias nas que acusa a La Región e La Voz de Galicia por emitir unhas conversas comprometidas que o ligarían con prácticas irregulares sen cuestionar o seu contido

O xulgado denegoulle a Pérez Jácome prohibirlle a La Región a difusión das gravacións 

G24.gal 13/05/2023 13:34 Última actualización 13/05/2023 14:11

O Xulgado Número 1 de Ourense denegou as medidas cautelares solicitadas polo rexedor ourensán nunha denuncia por revelación de segredos, presentada contra o xornal local La Región

Pedía a retirada provisional da edición electrónica e impresa dos contidos informativos publicados. O xuíz ditamina que Jácome non proporciona "o máis mínimo indicio" de que os audios teñan unha procedencia ilícita.

Sinala que unha mera sospeita do prexudicado non é dabondo para adoptar unha medida cautelar que supón a limitación dun dereito fundamental, como é o dereito á información.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, formalizou varias denuncias por mor da difusión de varios audios por parte de La Región e en menor medida, La Voz de Galicia que o ligarían con supostas prácticas irregulares relacionadas a temas de concesións e financiamento do seu partido.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que presentou unha primeira denuncia o día 8 de maio no Xulgado de Garda e, tras ir a repartición, lévao o Xulgado de Instrución número 2 de Ourense.

Gonzalo Pérez Jácome presentou este mesmo venres 12 de maio unha nova denuncia no Xulgado de Instrución número 1 de Ourense.

En ambos os casos aluden a un presunto delito de revelación de segredos e están pendentes de incoar. Cada unha delas diríxese contra un medio de prensa escrita.

Denuncias na Fiscalía

Fronte ás denuncias interpostas por Jácome, están as presentadas polo PP, a do PSOE, pola que xa se abriron dilixencias previas, e a do BNG, que se presentou ante a Fiscalía Xeral do Estado e que estaba pendente de tramitarse.

Decidiron presentalas despois de que o xornal La Región difundira, en días sucesivos, transcricións e audios do rexedor ourensán que o ligarían con actuacións supostamente irregulares vinculadas a comisións e concesións do Concello.

Ademais, o BNG presentou unha denuncia no Xulgado de Garda o sábado día 6 de maio tras a primeira publicación do mencionado xornal local na que supostamente Jácome trataría de librarse dunha multa poñéndoa a nome doutra persoa.

Neste caso, a titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense pediulle ao BNG que transformase a denuncia en querela e presentase unha fianza de 2.000 euros para poder exercer a acusación popular.

A Fiscalía Provincial de Ourense xa abriu dilixencias por mor da denuncia presentada polo PSdeG e, segundo informaron o xoves fontes do Ministerio Público, estaban pendentes de recibir a presentada ante a Fiscalía Xeral do Estado por parte do BNG, de forma que se "acumularían" os procesos.

Fiscalía incoou o procedemento para preguntar aos xulgados de instrución de Ourense se xa contan con este asunto entre as causas abertas.

Na denuncia presentada polo PP de Ourense, refírense seis posibles delitos: organización criminal, falsidade documental, financiamento ilegal dos partidos políticos, malversación de fondos públicos, suborno e tráfico de influencias. Presuponse que tamén se acumularían ás dúas anteriores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade