Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel e O Líbano acordan un cesamento do fogo condicionado a que Hezbollah cese os seus ataques

Israel e O Líbano acordan un cesamento do fogo condicionado a que Hezbollah cese os seus ataques

Coa mediación dos Estados Unidos, deseñaron un plan para crear zonas piloto no Líbano que estean controladas polo exército libanés e exclúan o grupo islamista

REUTERS/Nathan Howard
G24.gal 04/06/2026 08:20

As delegacións de Israel e do Líbano reunidas en Washington acordaron este mércores implementar un cesamento do fogo condicionado a que a milicia xiíta Hezbollah deteña os seus ataques contra territorio israelí e cese as súas operacións no sur do país árabe.

Coa mediación dos Estados Unidos, deseñaron un plan para crear zonas piloto no Líbano que estean controladas polo exército libanés e exclúan o grupo islamista, detallaron nunha declaración conxunta.

Ambas as dúas partes emprazáronse ademais a celebrar unha nova rolda de negociacións na capital estadounidense o próximo 22 de xuño.

As delegacións, encabezadas polos embaixadores de Israel e do Líbano nos Estados Unidos, Yechiel Leiter e Nada Hamadeh, reuníronse este martes e mércores na sede do Departamento de Estado na que foi a cuarta rolda de negociacións de paz que manteñen este ano.

A primeira celebrouse o pasado 14 de abril e supuxo o contacto de máis alto nivel entre Israel e O Líbano, países veciños que carecen de relacións diplomáticas desde 1993.

Os contactos serviron ata o de agora para aprobar e estender progresivamente un cesamento do fogo que, con todo, Israel rompeu. Tamén intensificou a súa invasión no Líbano para, segundo di, responder ao lanzamento de proxectís de Hezbollah, que se opon ás negociacións.

Segundo unha declaración conxunta, a rolda concluída este mércores serviu para acordar a implementación dun cesamento do fogo que está condicionado ao cesamento total dos disparos de Hezbollah e á evacuación de todos os seus operativos entre o río Litani e a fronteira israelí.

"Ambas as dúas partes acordaron, coa orientación dos Estados Unidos, avanzar rapidamente na creación de zonas piloto nas que as Forzas Armadas libanesas tomarán o control exclusivo do territorio e excluirán a todos os actores non estatais", agregaron en referencia a Hezbollah.

Aseguraron que estas medidas permitirán avanzar cara a un acordo integral de paz e seguridade e acordaron renovar as conversacións o 22 de xuño con miras a alcanzar un acordo integral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade