Os Estados Unidos e Israel atacan Irán para acabar co réxime dos aiatolás
O bombardeo dunha escola de nenas na localidade de Minab deixa 148 persoas mortas
Netanyahu asegura contar con "sinais" de que Ali Khamenei "deixou de existir"
Teherán lanza mísiles contra bases estadounidenses en Barhein, Qatar, os Emiratos Árabes e Kuwait
Israel e os Estados Unidos lanzaron este sábado unha ofensiva militar a grande escala contra Irán co obxectivo de derrubar o réxime dos aiatolás. Ambas as dúas potencias chamaron á poboación a sublevarse contra a República Islámica.
Segundo a Media Lúa Vermella, nos ataques morreron polo menos 200 persoas e outras 747 quedaron feridas. A organización, que se atopa en "estado de alerta", acredita agresións en 24 das 31 provincias do país.
O Goberno de Teherán non tardou en responder co lanzamento de mísiles en territorio hebreo e bases militares estadounidenses situadas en países de Oriente Próximo.
Malia o aparente progreso das negociacións nucleares en Xenebra, os bombardeos comezaron ás 8:15 horas, tras días de tensión ante unha operación que se albiscaba inminente.
Poucos minutos despois, escoitáronse explosións na capital persa, onde se viviron horas de caos. O Exército hebreo confirmou ataques contra "decenas de obxectivos militares" en varios puntos do territorio.
Netanyahu asegura ter "sinais" da morte do aiatolá Khamenei. REUTERS.
Paradoiro de Khamenei
Nunha declaración retransmitida pola noite, Benjamin Netanyahu afirmou ter "sinais" de que o líder supremo iraniano, Ali Khamenei, "deixou de existir" tras un "ataque sorpresa" contra a súa residencia no corazón de Teherán.
"Esta mañá frustramos os plans de altos funcionarios do réxime dos aiatolás, comandantes da Garda Revolucionaria e altos funcionarios do programa nuclear, e continuaremos: nos vindeiros atacaremos miles de obxectivos do réxime terrorista", engadiu.
Un voceiro do Goberno de Irán díxolle á cadea británica BBC que non pode confirmar se o aiatolá segue con vida nin o seu paradoiro.
Ataque contra unha escola
Os medios oficiais da República Islámica informaron a primeira hora de explosións en varios puntos de Teherán e noutras cidades como Isfahán, Tabriz, Karaj, Kermanshah e Ilam no marco dun "ataque aéreo estadounidense-sionista".
Na cidade de Minab, no sur do país, o bombardeo dunha escola feminina de primaria deixa un balance de 148 persoas mortas, a maioría nenas, segundo informa a axencia oficial IRNA.
En Lamerd, na provincia de Fars, faleceron polo menos 15 civís nun pavillón deportivo situado nunha zona residencial.
Estado no que quedou a escola de rapazas
Chamamento á poboación
Nun vídeo comunicado, Benjamin Netanyahu confirmou nun primeiro momento o que cualificou de "ataque preventivo" para "eliminar a ameaza existencial" que representa Irán.
O mandatario hebreo agradeceu o "liderado histórico" de Donald Trump e pediulle "fortaleza" á poboación para facer fronte á ofensiva que denominou O ruxido do león.
"Chámovos, cidadáns de Israel, a escoitar as instrucións do Comando da Fronte Interna. Nos vindeiros días, na operación 'O ruxido do León', requiriremos que teñades resistencia e fortaleza".
Pola súa banda, o presidente dos EUA falou dun "grande operativo de combate" para acabar "coas ameazas inminentes" do réxime de Teherán, nun vídeo difundido na súa conta oficial Truth Social.
"Os Estados Unidos están a levar a cabo unha operación a grande escala e continuada para impedir que a ditadura malvada radical ameace os EUA e o núcleo do noso interese de seguridade nacional. Imos destruír os seus mísiles e enterrar a súa industria de mísiles. Vai ser totalmente esnaquizada. Imos aniquilar a súa Armada. Asegurarémonos de que Irán non terá nunca unha arma nuclear. É unha mensaxe moi clara".
Caos de tráfico no centro de Teherán. REUTERS.
Donald Trump acusa a Irán de tentar reconstruír o seu programa nuclear e continuar a desenvolver mísiles de longo alcance que "agora poden ameazar os nosos bos amigos e aliados de Europa, as nosas tropas no estranxeiro, e moi pronto os Estados Unidos", engadiu.
Ademais, pídelle á poboación que estea lista para tomar o Goberno unha vez acabe a operación militar, e aos membros das forzas de seguridade que depoñan as armas prometendo "inmunidade total".
"Cando rematemos, tomen o control do seu goberno, será seu para tomalo", indicou.
Nesa mesma liña, o mandatario xudeu asegura que a acción conxunta "creará as condicións para que o valente pobo iraniano tome as rendas do seu destino".
"Chegou o momento de que todos os segmentos do pobo iraniano -os persas, os kurdos, os azerís, os baluchis e os ahwazis- se liberen do xugo da tiranía e constrúan un Irán libre e en paz", dixo o primeiro ministro.
O Departamento de Guerra dos EUA bautizou as accións bélicas como Furia épica.
O secretario xeral da Organizacion das Nacións Unidas, António Guterres, urxe o "cesamento inmediato das hostilidades e a unha desescalada urxente".
Explosión no mar dende Haifa, no norte de Israel. REUTERS/Rami Shlush.
"Violación da soberanía nacional"
O Goberno iraniano denunciou os ataques contra infraestruturas defensivas e militares como unha "violación da súa integridade territorial e soberanía nacional".
Pouco despois, a Garda Revolucionaria confirmou o lanzamento de mísiles contra bases estadounidenses en Barhein, Qatar, os Emiratos Árabes e Kuwait, nunha operación de represalia que chamou Verdadeira Promesa 4.
As autoridades cortaron o servizo de Internet e telefonía en todo o país, de acordo coa organización Netblocks que vixía o tráfico e a censura na rede.
Protesta en Teherán tras os ataques. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
Estado de emerxencia
Tras o inicio da operación, as alarmas antiaéreas soaron en todo o territorio hebreo á espera dunha reacción. O Ministro de Defensa, Israel Katz, declarou o estado de emerxencia durante 48 horas. Ademais, ordenou á poboación manterse preto dun búnker.
"Agárdase un ataque con mísiles e drons contra o Estado de Israel e a súa poboación civil no futuro inmediato", informou Defensa nun comunicado enviado ás 8:15 horas.
Sistema de defensa aérea en Xerusalén. REUTERS/Ronen Zvulun.
Negociacións nucleares
Este ataque prodúcese no medio das negociacións nucleares entre Irán e os Estados Unidos. O último encontro entre ambas as dúas partes celebrouse o xoves e había outro previsto para este luns.
No contexto destas conversas, os Estados Unidos ameazaran con atacar Teherán se non chegaban a un acordo, para o que fixo a maior despregadura militar en Oriente Medio dende 2003.
Israel xa comezara unha guerra contra Irán o pasado mes de xuño. Durante 12 días bombardeou a diario obxectivos militares, nucleares e civís e mataron máis de mil persoas. No Estado xudeu faleceron trinta.
Xente refuxiada nun estacionamento en Tel Aviv. REUTERS/Itai Ron.
Peche do espazo aéreo
A Autoridade Aeroportuaria de Israel decretou o peche do espazo aéreo nacional, cancelando a chegada ou saída de voos programados.
"Tras os acontecementos relacionados coa seguridade, o ministro de Transporte ordenoulle ao director da Autoridade de Aviación Civil que peche o espazo aéreo do Estado de Israel aos voos civís. A seguridade dos pasaxeiros é a nosa máxima prioridade", detallou esta entidade nun comunicado.
Tamén Irán anunciou o peche do seu espazo aéreo despois do bombardeo, ao igual que Iraq.
Xente corre a refuxiarse en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS.