Irene Montero defende a lei do "só si é si" e fala de ofensiva reaccionaria
Irene Montero defende a lei do "só si é si" e fala de ofensiva reaccionaria
Os ministros Miquel Iceta e Yolanda Díaz amósanse convencidos de que se poñerán de acordo
A titular de Igualdade di que farán o necesario para a súa "correcta aplicación" e pon o foco nunha "minoría de xuíces"
O Partido Popular volveu ofrecer apoios parlamentarios para cambiar o texto legal
Desde A Moncloa esta fin de semana lanzábase moito máis ca un globo sonda: a decisión firme da parte socialista do Goberno de cambiar a lei do só si é si despois das reiteradas revisións de condenas á baixa.
O sábado pola noite, na entrega dos premios Feroz do audiovisual, Miquel Iceta e Yolanda Díaz apostaban polo acordo.
"Imos poñernos de acordo seguro, porque sabes que queremos de verdade? Queremos que as mulleres poidan saír soas, que poidan ser libres, que ninguén as acose", sinalou Iceta.
"Sempre tivemos a mesma posición, non hai ningunha diferenza nas dúas partes da coalición. Por tanto, si queremos máis dereitos para as mulleres e máis dereitos para as persoas LGTBI", indicaba Díaz.
Pero este domingo Irene Montero aseguraba que a lei constitúe "un dos maiores avances do feminismo nos últimos vinte anos". Di que unha minoría de xuíces está a aplicala mal e fala dunha "ofensiva reaccionaria".
"Queren, esa dereita política xudicial e mediática, que o resultado desta alarma xerada produto das decisións xudiciais que optan por rebaixar as penas, remate nunha volta ao modelo anterior, que as mulleres teñamos que volver demostrar que nos resistimos, que se exerceu violencia contra nós".
Desde o PP insisten en que xa non caben as dúbidas sobre a necesidade de modificar esta lei e reiteran a oferta de apoio parlamentario.
"A lei ten que modificarse xa, a ser posible mañá, e os deputados e deputadas do Partido Popular están a disposición do Goberno para modificar a lei xa. Estamos falando de que preto de 300 agresores sexuais se viron beneficiados dunha maneira ou doutra", indicaba esta mañá Borja Sémper.