Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán denuncia un ataque contra a instalación nuclear de Natanz

Irán denuncia un ataque contra a instalación nuclear de Natanz

A Organización de Enerxía Atómica de Irán anunciou que non hai constancia dunha fuga de material radiactivo

Israel asegura que non está ao tanto deste ataque

G24.gal 21/03/2026 11:00 Última actualización 21/03/2026 14:45

Irán denunciou este sábado un ataque estadounidense-israelí contra o complexo de enriquecemento de uranio de Natanz

“O complexo de enriquecemento Shahid Ahmadi Roshan de Natanz foi atacado esta mañá. Esta acción é contraria ás leis e compromisos internacionais, incluído o Tratado de Non Proliferación, así como a outras normativas relacionadas coa seguridade nuclear", informou a Organización de Enerxía Atómica de Irán nun comunicado da axencia IRNA.

A organización asegurou que, despois da realización de avaliacións técnicas e especializadas na área do complexo, non se detectou a liberación de materiais radioactivos.

As forzas armadas israelís aseguran "non estar ao tanto dun ataque", aínda que non deron máis detalles sobre se o bombardeo correu a cargo unicamente dos Estados Unidos. As instalacións de Natanz xa foran alcanzadas tamén no cuarto día da guerra que Israel e Estados Unidos lanzaron contra Irán o 28 de febreiro. Naquela ocasión non foi golpeada a planta de enriquecemento de combustible, que si sufriu un ataque na guerra de 12 días o mes de xuño pasado.

Noutra fronte, Irán lanzou dous mísiles balísticos contra unha base militar conxunta dos Estados Unidos e o Reino Unido no océano Índico. Os proxectís non chegaron a impactar. Ademais o Exército israelí asegurou ter abatido catro membros de Hezbollah durante unha ofensiva terrestre no sur do Líbano a pasada madrugada.

Trump vai redobrar a súa presenza militar no Golfo e envía milleiros de soldados para o control do estratéxico estreito de Ormuz. Israel afirmou que os ataques contra Irán intensificaranse significativamente a vindeira semana. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade