Investigadas dúas persoas por tráfico ilegal de marfil e aprehendidos dous lotes de figuras e xoias na Coruña e Neda
Investigadas dúas persoas por tráfico ilegal de marfil e aprehendidos dous lotes de figuras e xoias na Coruña e Neda
Aos implicados atribúeselles o tráfico de partes de especies protexidas sen a documentación legal esixida para realizar actividades comerciais de marfil de elefante (Loxodonta africana)
Garda Civil/Ministerio do Interior
O equipo do SEPRONA da Garda Civil da Comandancia da Coruña investiga a dúas persoas por un suposto delito contra a fauna e por tráfico ilegal de marfil, nunha actuación enmarcada no Plan de acción español contra o Tráfico Ilegal e o Furtivismo Internacional de Especies Silvestres (Plan TIFIES).
A investigación iniciouse cando os axentes detectaron a publicación de dous anuncios en coñecidas páxinas web de compravenda de artigos de segunda man, nos que se ofertaban pezas de marfil, cuxa comercialización está regulada polo convenio CITES e por un regulamento europeo.
A normativa vixente prohibe a venda ou a tenencia para a súa venda de espécimes incluídos no Anexo A, salvo que se demostre fidedignamente que foron adquiridos ou introducidos na Unión Europea conforme á lexislación de conservación de fauna e flora silvestres.
Aos implicados atribúeselles o tráfico de partes de especies protexidas sen a documentación legal esixida para realizar actividades comerciais de marfil de elefante (Loxodonta africana).
Os axentes do SEPRONA lograron identificar as persoas que puxeran os anuncios, unha delas en Neda e outra na Coruña. No momento da intervención, os propietarios non achegaron documentación que acreditase a legal procedencia e tenza dos espécimes, polo que se levantaron actas por presuntas infraccións administrativas de contrabando.
Ademais, a Garda Civil aprehender un lote de 5 figuras de elefante de diferentes tamaños, e un segundo lote de 4 pezas de xoiería, todas elas elaboradas con marfil. A natureza do material foi confirmada posteriormente mediante un informe pericial emitido pola Unidade Técnica da Unidade Central Operativa de Medio Ambiente (UCOMA), en colaboración con técnicos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). As pezas intervidas foron depositadas na dependencia de Aduanas e Impostos Especiais da Coruña e as dilixencias foron postas ao dispor xudicial.