Publicador de contidos

Publicador de contidos

Intelixencia Artificial, por María Bastida

Intelixencia Artificial, por María Bastida

A IA permite manexar un amplo volume de información que mellora a calidade e a precisión das decisións de carácter estratéxico

G24.gal 17/04/2023 08:12

O papel das empresas resulta fundamental para a implantación e desenvolvemento da Intelixencia Artificial (IA) como ferramenta básica de mellora dos seus resultados e, a través deles, da economía en xeral.

Este rol impulsor implica unha oportunidade para as empresas cara a acadar unha mellor posición produtiva e sentar as bases dunha vantaxe competitiva baseada no mellor uso desta potente ferramenta para o desenvolvemento socioeconómico.

A literatura económica destaca que a IA ten potencial para mellorar o crecemento empresarial fundamentalmente a través de tres vías: acadar unha maior eficiencia no desenvolvemento de procesos e da xestión do tempo, facilitar a resolución de problemas complexos e converter os procesos de innovación nun activo de uso habitual nas empresas.

Esta marxe de mellora xira ao redor das dúas grandes capacidades do uso da IA: o manexo de inxentes cantidades de información e a simplificación de traballos elementais. A IA permite manexar un amplo volume de información que mellora a calidade e a precisión das decisións de carácter estratéxico, ademais de mellorar os procesos de produción grazas á optimización dos tempos e á redución de erros.

Por outra banda, a IA tamén permite introducir as necesidades e características diferenciais da demanda, garantindo unha oferta de mellor calidade e axustada ás necesidades, ademais de prever o desenvolvemento de novos produtos e servizos.

Finalmente, a IA posibilita asignar recursos a actividades de maior valor engadido e liberar os traballadores de tarefas simples e repetitivas, fomentando a súa creatividade e motivación, incrementando o valor engadido do producido e prestado. 

E esta última vantaxe introduce o temor da robotización e substitución de postos de traballo, un medo que é xa un vello coñecido nos procesos disruptivos de introdución e avance tecnolóxico. A transformación dixital e a automatización implican importantes cambios no mercado laboral, tanto dende a óptica cuantitativa (cadro de persoal necesario para as operacións) como dende a cualitativa (capacidades e habilidades necesarias para o funcionamento organizativo).

Así, coa introdución da IA cabe esperar un incremento da desigualdade salarial ou do desemprego para aqueles traballadores que realizan tarefas repetitivas e non se dean adaptado ás novas ocupacións, ao ser facilmente substituídas. Porén, a expansión da IA tamén implicará o fenómeno contrario, pola aparición de novas ocupacións.

Por exemplo, o Observatorio para a Análise e o Desenvolvemento Económico da Internet estimaba hai cinco anos que a dixitalización implicaría a creación de 3,2 millóns de empregos en especialistas TIC en España ata 2030, sobre todo en ocupacións relacionadas con enxeñería, matemáticas, finanzas e profesionais das TIC (analistas e deseñadores de software, especialistas de bases de datos e redes informáticas e científicos de datos). 

En termos xerais, a substitución será máis doada en todos aquelas ocupacións que impliquen a realización de tarefas simples e repetitivas, algo consubstancial á propia incorporación de todo tipo de tecnoloxía. Así, a implantación da IA pode ameazar certos postos de traballo, especialmente, os de menor cualificación, pero tamén poden aparecer novas oportunidades de emprego derivadas do propio uso da tecnoloxía e da aparición de novas necesidades.

Con todo, quizá hai que cambiar o enfoque. Non se trata tanto de substitución como de transformación. É certo que a introdución de IA pode ameazar postos de traballo, pero non menos certo que esa substitución permite recolocar a quen os ocupa en postos máis críticos con maior valor engadido.

Simultaneamente, parte da transformación parte do uso complementario da IA, non necesariamente substitutivo.

En consecuencia, o que máis urxe é acometer unha recualificación do capital humano das organizacións para poder obter estas sinerxias. Polo tanto, ao abordar os efectos da IA sobre o emprego, cómpre sinalar a importancia da formación como medio para reducir o gap entre as habilidades actualmente demandadas e as necesarias a curto e medio prazo, sendo vital identificar as competencias que se demandarán proximamente. O potencial xerador de emprego da IA pasa necesariamente pola mellor capacitación do capital humano a través da formación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos