Inícianse os contactos entre o BNG e o PSOE para reeditaren a coalición de Goberno en Pontevedra
Inícianse os contactos entre o BNG e o PSOE para reeditaren a coalición de Goberno en Pontevedra
Os socialistas de Pontevedra din que non aspiran a ser muleta de ninguén e poñerán un mínimo de condicións para estar no goberno

Os contactos entre o BNG e o PSdeG-PSOE para reeditaren a súa coalición de goberno en Pontevedra non se fixeron esperar e, dous días despois das eleccións do 28M, os seus líderes acordaron comezar a negociar.
Así o avanzou este martes o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, que asegurou que as "conversacións pertinentes" se iniciarán oficialmente cando os órganos de dirección de ambas as formacións políticas autoricen estes contactos.
"Pontevedra falou o domingo e quere que siga sendo alcalde", sinalou o nacionalista Fernández Lores, que engadiu que se alegra "moitísimo" de que os socialistas, cos que coincidiu na reunión semanal de goberno, "sexan da mesma opinión".
Nestas negociacións, segundo o alcalde, "non haberá liñas vermellas". Lores, que goberna en Pontevedra desde 1999, lembrou que na campaña electoral dixo que se presentaba para unha nova etapa "de oito a dez anos", polo que defende que "hai que sentar ben as bases" e adoptar decisións "meditadas e sopesadas".
Isto, recoñeceu o rexedor pontevedrés, "vai levar o seu tempo", e sinalou: "Ninguén espere que haxa novidades inmediatamente". Iso non debe achacarse, dixo, a falta de vontade política senón ao debate de "cuestións complexas e complicadas".
Fernández Lores engadiu que en todo caso "toma nota" de que a cidadanía "quere que o faga mellor". "Atópome no meu mellor momento político, mellor que nunca, e estou ilusionado por seguir traballando para que Pontevedra avance", sentenciou.
O socialista Iván Pontes subliñou, pola súa banda, que o PSOE "non aspira a ser muleta de ninguén" e que o BNG, tras perder dous edís, "debe asumir que terá que ceder poder" e cambiar a forma na que funcionaba a actual coalición de goberno.
"Estamos chamados a negociar, a sentarnos, a poñernos de acordo e a ver en que condicións se poden facer gobernables o próximos catro anos", apuntou Pontes, co obxectivo de que Pontevedra teña un goberno "de progreso".
Advertiu que a negociación "non é unha partida de póker" e avogou por dialogar "con responsabilidade" para que ambos os partidos se entendan e poidan chegar a acordos "naquelas cuestións sobre as que pensamos diferente".
Para o socialista "non sería nin desexable nin o máis probable" que Fernández Lores non sexa alcalde, pero sostén que o PSOE participará no goberno se o acordo que firme "responde ás expectativas que temos". "En caso contrario, non estaremos no goberno".