Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inés Arrimadas deixa a política tras o fracaso electoral de Cs nas municipais

Inés Arrimadas deixa a política tras o fracaso electoral de Cs nas municipais

A portavoz de Cs no Congreso deixa a política despois do afundimento case definitivo no 28M do partido laranxa

A executiva decidíu non concorrer ás xerais do 23 de xullo

Inés Arrimadas na conferencia de prensa en que anunciou que deixa a política (EFE)
G24.gal 01/06/2023 13:21 Última actualización 01/06/2023 15:13

A portavoz de Cs no Congreso, Inés Arrimadas, deixa a política despois do afundimento case definitivo do partido nas eleccións municipais e autonómicas do domingo e a decisión da executiva de non concorrer ás xerais do 23 de xullo.

Arrimadas, que deixou paso a un novo liderado laranxa en xaneiro pasado co obxectivo de dar unha oportunidade a que o partido puidese remontar, despídese despois de entrar en política en Cataluña en 2015, converter a Cs no partido máis votado nese territorio en 2017 e dar o salto ao Congreso tras as eleccións de abril de 2019.

Arrimadas afirmou que a decisión de deixar a política foi persoal e que a tiña tomada hai tempo, e recoñeceu que a desaparición do partido foi unha decisión "difícil, pero a máis responsable para España e a máis intelixente para o espazo de centro liberal do país".

Nunha conferencia de prensa no Congreso e acompañada polo deputado e o viceportavoz do partido Guillermo Díaz, Arrimadas avanzou que pon fin á súa etapa política e inicia unha nova, aínda que non deixará o escano ata que non se constitúan as novas Cortes Xerais o 17 de agosto.
"A política debe ser só unha etapa e todas as etapas empezan e acaban", recalcou tras incidir en que deu este paso "despois de dedicar os mellores anos a servir o meu país".

"Non hai maior honra que servir millóns de españois nun período crucial", dixo, á vez que recoñeceu que durante a súa etapa como presidenta de Ciudadanos tería erros e acertos, pero sempre tomou decisións "pensando no mellor para o país".

Na súa despedida coa prensa do Congreso, a que fora líder de Cs tras suceder o seu fundador, Albert Rivera, recoñeceu que foron dez anos de intenso traballo e que ten ganas de descansar. Ademais, mostrouse convencida de que un espazo de centro na política volverá rexurdir nun futuro.

"Non podo resumir todo o que sufrín e o que gocei, pero sei o que sinto, que é grazas", puntualizou tras agradecer a Albert Rivera a oportunidade que lle brindou para participar no proxecto de Cs e valorar o traballo de todos os seus compañeiros cos que "vivimos cousas inimaxinables, tanto no parlamento de Cataluña como no Congreso".

Arrimadas despediuse con agradecementos ao seu equipo técnico, ao persoal das Cámaras do Congreso e do Senado e ata o labor dos seus adversarios por compartir esta etapa. Mencionou o apoio do seu viceportavoz e deputado Guillermo Díaz e os nomes do seu equipo máis próximo, pero en ningún momento nomeou o que era portavoz adxunto do grupo parlamentario, Edmundo Bal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade