Idiakez súmase aos detractores do VAR
O adestrador do Deportivo mostrou a súa incredulidade e indignación polas decisións tomadas pola videoarbitraxe no partido contra o Málaga
A polémica arbitral, algo tan vello coma o propio fútbol, volve deixar un regueiro de pólvora en Riazor. Ata tres accións polémicas —a caída de Obrador na área, un penalti a Lucas Pérez pitado e corrixido polo VAR e unha agarrada a Yeremay Hernandez non asubiada— acenden o ánimo de Idiakez, particularmente amolado pola revisión que deixou en nada a caída de Lucas na área.
O sopro desde a sala VOR propiciou o cambio de opinión de Muñiz Muñoz, que parecía telo moi claro no campo. O adestrador deportivista non é dos que fan boas migas coa videoarbitraxe. Sucede nisto que, coma co tempo, nunca chove ao gusto de todos.