Hugo Álvarez: "O Celta atopou un rol máis de dominador, sentímonos cómodos"
Foi elixido o mellor xogador de marzo: "Todo canteirán soña con alcanzar este recoñeocemento"
Hugo Álvarez, canteirán do Celta de Vigo que deu o salto definitivo ao primeiro equipo da man de Claudio Giráldez, foi elixido pola afección como o mellor futbolista do equipo no pasado mes de marzo.
O ourensán de 20 anos confesou que "todo canteirán soña con alcanzar este recoñecemento". Ademais deu "grazas á afección e aos compañeiros, sen eles isto sería inviable".
A irrupción do novo futbolista, xogando en calquera das posicións de banda por ambos os costados foi a confirmación do nivel que ía mostrando nas últimas tempadas nas que coqueteaba xa co primeiro equipo desde o seu debut da man de Eduardo Coudet.
O canteirán foi unha das sorpresas na estrea de Claudio Giráldez no Sánchez-Pizjuán:
"No partido de Sevilla o equipo atopou un rol máis de dominador, aí sentímonos moi cómodos. Coa chegada de Claudio e a confianza que transmite as cousas están a ir ben. Esperemos que siga así".
Sobre o partido deste venres no Benito Villamarín apuntou que "contra o Betis esperamos un rival complicadísimo, imos tentar dominalos, levalos ao noso xogo e tentar levarnos os tres puntos que para iso imos alí".