Filipe VI coñece en Sarria o labor da Garda Civil na protección dos peregrinos
Centos de veciños e alumnos dos colexios de Sarria esperaban o monarca á entrada do cuartel da Garda Civil
O acto tamén serviu para anunciar que a Federación de Camiños recoñecerá como oficial o selo da Garda Civil para as credenciais de Camiño
Filipe VI chegou arredor das once da mañá ao concello lugués de Sarria para coñecer as instalacións do cuartel da Garda Civil e as funcións da Benemérita para garantir a seguridade no Camiño de Santiago. Ademais, escolleuse Sarria porque é o inicio do Camiño máis próximo a Santiago, do Camiño Francés, desde o que xa se recibe unha compostela ao chegar a Santiago camiñando. De feito, o monarca vai recibir unha credencial selada con esta data.
É a primeira visita de Filipe VI á provincia de Lugo como rei. Centos de veciños e alumnos dos colexios de Sarria esperaban o monarca á entrada do cuartel da Garda Civil. Filipe VI foi recibido entre aplausos na que é a súa primeira visita oficial a este concello lugués. O xefe do Estado parou a saudar os sarriaos e especialmente os máis pequenos.
A Casa Real visita cada ano un cuartel da Garda Civil. Nesta ocasión elixiu un en Galicia coincidindo coa celebración do Xacobeo, e por tanto escolleu un no Camiño de Santiago, neste caso xusto no Camiño Francés.
O xefe do Estado chegou vestido co uniforme do Exército de Terra, que tamén estivo presente no acto. Á entrada del cuartel esperábao o ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska acompañado pola directora da Garda Civil María Gámez e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda.
O acto tamén serviu para anunciar que a Federación de Camiños recoñecerá como oficial o selo da Garda Civil para as credenciais de Camiño, a partir deste martes
Posteriormente, houbo unha recepción en que participaron as autoridades locais. Foi o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda o que finalmente acompañou o monarca nesta visita ao cuartel. O aínda presidente autonómico Alberto Núñez Feijóo tiña varios actos que lle impediron acudir a Sarria.
Este é o primeiro acto do rei tras revelar o seu patrimonio onte, que ascende a 2,57 millóns de euros netos, entre depósitos bancarios, obras de arte, antigüidades e xoias. É a primeira vez que o rei dá a coñecer os seus ben e ten como obxectivo con iso cumprir o seu compromiso de renovar a monarquía para un tempo novo, con exemplaridade e transparencia. Esta medida non afecta a raíña Letizia.