Guaita: "Co cambio de adestrador, o Celta xoga máis ao fútbol"
O porteiro Vicente Guaita sinalou este xoves que o cambio de adestrador –Claudio Giráldez substituíu a Rafa Benítez o pasado 12 de marzo- foi bo para o Celta, que se atopa con cinco puntos de vantaxe sobre a zona de descenso.
“Co cambio de adestrador viuse que o equipo xoga máis ao fútbol, que ten máis a posesión do balón e que busca ser máis protagonista do partido. Ao final, así se conseguiron máis puntos, necesarios para ter ese empuxón”, comentou na súa comparecencia.
O gardameta valenciano non quixo profundizar nas súas discrepancias con Benítez, “son cousas que se teñen que quedar dentro do vestiario”, e deixou claro que a decisión de destituír ao madrileño non a tomou el, senón os dirixentes celestes.
"O club decidiu que tiña que cambiar de adestrador, eu non decidín nada como saíu na prensa. Nós estamos aquí para poder axudar ao Celta”, aclarou Guaita.
Tamén aplaudiu a “confianza” que Claudio Giráldez transmite aos xogadores.
“Hai que seguir crendo para conseguir o obxectivo, agora o principal é manter ao equipo en Primeira. Quedan cinco partidos e hai que distanciarse canto antes do descenso porque é verdade que nós estamos no corte”, indicou.
O gardameta pediu “desculpas” ao celtismo pola imaxe ofrecida fronte ao Deportivo Alavés en Mendizorroza, e augurou un partido “moi difícil” este domingo ante o Vilarreal en Balaídos.