O Canadá ten "vontade" de retomar a busca dos mariñeiros desaparecidos
Planas agarda que O Canadá retome as tarefas de busca porque é un traballo "que non rematou"
O presidente da Xunta pide ao Goberno que busque unha solución para evacuar "de forma inmediata" a España os superviventes do naufraxio
O ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación José Manuel Albares indicou este venres que o Goberno canadense expresou a súa "vontade" de retomar a procura dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do Villa de Pitanxo fronte ás costas de Terra Nova.
Albares falou o xoves pola noite coa súa homóloga canadense Melanie Joly e acaba de recibir outras dúas mensaxes súas nas últimas horas, segundo contou nunha entrevista en Onda Cero.
Melanie Joly trasladoulle a Albares a "vontade, en canto as condicións climáticas o permitan", de continuar "cos esforzos na medida do posible". O ministro subliñou que o rastrexo tivo que suspenderse polas condicións meteorolóxicas adversas, "con ondas de máis de oito metros, visibilidade moi escasa e temperaturas de tres graos baixo cero que fan practicamente imposible continuar os labores de busca e que mesmo poñen en risco a vida dos equipos de rescate".
O pasado mércores pola noite, hora galega, tras máis de 36 horas de busca, O Canadá confirmou que daba por concluído o dispositivo, que se suspendeu cun resultado de doce mariñeiros desaparecidos e nove corpos recuperados amais dos tres sobreviventes.
Os sobreviventes son o patrón do barco Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial Padín e o mariñeiro ghanés Samuel Kwesi, residente en Marín, que ten muller e cinco fillos que viven en África.
Precisamente, as condicións meteorolóxicas adversas atrasaron unhas horas a chegada a terra dos barcos que transportan os tres sobreviventes do naufraxio e os nove corpos recuperados.
Segundo informou Salvamento Marítimo, o buque canadense Nexus, con dous corpos a bordo, ten prevista a súa chegada ao porto de San Xoán de Terra Nova este venres ás 11:30 horas en Galicia.
Planas agarda que O Canadá retome as tarefas de busca porque é un traballo "que non rematou"
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, agarda que exista a "xanela mínima de oportunidade que permita que O Canadá retome as tarefas de busca en Terra Nova" dos doce desaparecidos polo afundimento do arrastreiro Villa de Pitanxo porque é un traballo "que non rematou".
Así o sinalou nunha entrevista en La 1 de RTVE, en que explicou que esta mañá o goberno canadense lles dixo que agora "as condicións meteorolóxicas son moito máis difíciles que as que antonte deron lugar á suspensión da busca".
O Delegado do Goberno en Galicia explicaba que "a previsión é que esta tarde poida chegar a porto e mañá arribe ao mesmo para facer todos os permisos correspondentes".
O presidente da Xunta pide ao Goberno que busque unha solución para evacuar "de forma inmediata" a España os superviventes do naufraxio
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo pediu este venres ao Goberno que busque unha solución para evacuar "de forma inmediata" a España os superviventes do naufraxio de Villa de Pitanxo en Terranova e os corpos sen vida dos falecidos.
Foi nunha entrevista na emisora esRadio, en que Feijóo reiterou ao Goberno a obriga de buscar un voo a Madrid ou a Santiago de Compostela ou Vigo para "reparar o irreparable", e a partir do domingo, se o tempo mellora esta fin de semana, insistiu en intentar buscar o resto dos desaparecidos.