Galicia ante o ano máis seco desde 1980
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pide que se valoren restricións horarias para o abastecemento de auga nalgunhas zonas
A situación en Galicia é complexa nestes momentos, pero aínda se pode complicar se logo dun verán tórrido vén un outono seco. Encamiñámonos cara á quinta gran seca do século XXI, cunhas características semellantes ás do ano hidrolóxico 2016-2017, cunhas consecuencias que se prolongaron ata o 2018.
Estariamos ante o ano máis seco aquí en Galicia desde que hai rexistros, isto é, desde hai 42 anos. Recolleuse un corenta por cento menos de auga de chuvia que o ano pasado. Tamén os ríos van un corenta por cento por debaixo dos indicadores de 2021 e da serie histórica.
E os encoros á súa metade. Neste contexto o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pídelles aos concellos das zonas máis afectadas que vaian pensando nun medio prazo en restricións na subministración. Medidas para aforrar auga que pasan por controlar enganches ilegais á rede e os sistemas de regadío. Para os gandeiros, a confederación xa pensa nun plan para que os animais non pasen sede, como é autorizar as explotacións para que poidan captar auga dos acuíferos.
O xoves a Xunta xa ampliou a prealerta por escaseza de auga na conca do río Anllóns despois de decretala no Lérez. A Confederación do Miño-Sil fixa agoira un escenario de alerta nas concas dos ríos Cabe e Limia, prealerta no Sil superior e inferior, e normalidade no Miño.