Galicia mantén 28 puntos de cribado de balde
Reorganízanse os puntos de control do virus ante a baixada da incidencia
Xa non se fan cribados nos aeroportos de Vigo e Santiago
Atrás quedan as imaxes de ringleiras interminables de xente agardando para facer un test de antíxenos. A nova realidade de remisión do virus implica tamén un cambio na organización dos puntos de cribado. Algúns pecharon, outros reduciron persoal.
"Ao principio había moito máis, de feito eramos dous técnicos e agora como baixou un pouquiño máis pois estamos eu máis unha administrativa e moito mellor", informa Alejandro Vidal, técnico de laboratorio.
En total en Galicia quedan habilitados 28 puntos de cribado de balde, un servizo que a cidadanía agradece mentres a pandemia non remita.
"Deberían quedar abertos mentres haxa xente que faga test, digo eu porque unha vez que non haxa xente é unha parvada telos aquí", opina un usuario.
"Algo de vixilancia sempre está ben e dende logo ter un sitio disposto, preto, para a cidadanía penso que se deberían de manter", comenta un señor.
"Pois posiblemente a Santiago non iriamos tal e como está ela, pero ao estar aquí preto pois si", fala un señor.
A intermodal de Santiago e o aeroporto pecharon o seu punto de atención, así como tamén o de Vigo. O da estación de Guixar farao nos vindeiros días. Cada área sanitaria está informando dos lugares que quedan habilitados, os horarios de apertura e os que precisan ou non de autocita.